Martín Cal imponse no certame internacional de pintura mural Amarte

O ortegano levou un premio de 1.200 euros no concurso burelense, Hipólito Xeada foi o mellor artista local e Otero Regal deixou o seu selo

Los artistas con el jurado, miembros del gobierno local y Fernando Romay. JM PALEO
photo_camera Os artistas co xurado, membros do goberno local e Fernando Romay. JM PALEO

O segundo certame internacional de pintura mural Amarte, outra das actividades paralelas que se celebran durante a Feira do Bonito, e que encheu as rúas de Burela durante este fin de semana, xa ten gañador. Trátase do artista de Ortigueira Martín Cal. Na mañá deste domingo entregáronse os premios despois de que o xurado dese a coñecer o seu veredicto. O galego de Ortegal recibiu un premio de 1.200 euros e un trofeo.

Os artistas comezaron a traballar nos seus murais a partir do xoves pola mañá e tiveron ata o pasado domingo ás 10.00 horas para finalizar os seus traballos. Dependendo de se utilizaban grafiti, brocha, pinceis ou outras técnicas, había máis dificultade ou menos. O segundo posto foi para Marcos Pereira, de Lugo, que levou un premio de 600 euros e trofeo. Cabe recordar que este artista foi o gañador da primeira edición. O terceiro posto foi para Delio Rodríguez, de Vigo, que levou un premio de 300 euros e un trofeo.

Tamén houbo oco para un galardón ao mellor artista local, que neste caso recaeu no coñecido Hipólito Xeada, que recibiu un premio de 300 euros doado polo Hotel Nordés.

José Díaz: "Nesta edición participaron dez finalistas e houbo que elixir os catro mellores, pero os gañadores foron todos"

Os outros seis artistas que participaron no certame Amarte levaron cada un 100 euros, a pesar de non quedar entre os primeiros. O edil de cultura de Burela, José Díaz, gran impulsor desta actividade, afirmou que "para min os gañadores son todos. Nesta segunda edición participaron 10 finalistas, que fixeron moi ben as súas obras, pero logo houbo que elixir a catro". "Pero insisto, para min os gañadores foron todos", comentou.

"Quero felicitar a Otero Regal pola obra de cerámica que nos deixou no muro do porto como mostra do traballo que realiza"

Outro dos protagonistas foi Alfonso Otero Regal, que neste caso era o artista invitado, e ao que Díaz tamén agradeceu a súa presenza e traballo. "Quero felicitar a Otero Regal pola obra de cerámica que nos deixou tamén no muro do porto, como mostra do traballo que realiza".

ENTREGA DE PREMIOS. No acto de entrega, que se desenvolveu durante a mañá do domingo, participaron o pregoeiro da Feira do Bonito, o ex xogador de baloncesto do Real Madrid e da selección española, entre outros equipos, Fernando Romay. O coruñés foi todo un showman durante todo o fin de semana e comportouse de xeito impecable en todos os actos aos que foi reclamado na Feira do Bonito. Acompañárono o alcalde de Burela, Alfredo Llano, a deputada mariñá e alcaldesa de Trabada, Mayra García, e o edil de cultura, José Díaz.

Comentarios