Maroto buscará en EE UU solucións para manter a planta de Alcoa

A ministra reunirase con responsables da multinacional na súa sede central, en Pittsburg, no marco da súa xira americana xunto a Sánchez
Reyes Maroto. AEP
photo_camera Reyes Maroto. AEP

A ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, reúnese este luns cos máximos responsables da multinacional estadounidense do aluminio Alcoa en Pittsburg (Pensilvania), no marco da súa viaxe oficial a Estados Unidos, para tratar de buscar unha solución para a factoría de San Cibrao.

Maroto comeza este luns unha visita oficial a Estados Unidos e será a primeira representante do Goberno español en ser recibida por membros do equipo do presidente Joe Biden, cos que buscará "intensificar" as relacións comerciais transoceánicas e reforzar a presenza das empresas españolas no país.

Estes encontros preceden á viaxe oficial do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, a metade da semana, ao que tamén se incorporará a ministra de Industria. 

Segundo a axenda do Ministerio, na reunión cos máximos responsables de Alcoa na oficina central da compañía, a ministra trasladará a vontade do Goberno de atopar unha solución que garanta o mantemento das capacidades industriais e os empregos na factoría de San Cibrao. 

Posteriormente, a ministra reunirase en Washington con responsables do Banco Interamericano de Desenvolvemento (BID).

O vindeiro martes celebrará unha reunión coa secretaria estadounidense de Comercio, Gina Marie Raimondo, cunha intensa axenda sobre os sectores de aceiro e aluminio, o contencioso sobre os aranceis á oliva negra española e o procedemento "antidumping" que afecta as exportacións de torres eólicas.

Tamén abordarán cuestións sobre mobilidade e visados que afectan o comercio e o investimento, ademais das oportunidades para as empresas españolas no marco do American Jobs Plan, o programa de reconstrución de infraestruturas en EE UU deseñado polo Goberno de Biden.

Comentarios