Mario Pillado repite como candidato do Bloque en Burela

Di que Llano non foi quen de peonalizar rúas, regular o mercado, sacar adiante a Edar ou construír un novo polideportivo

Mario Pillado. AMA
photo_camera Mario Pillado. AMA

O burelés Mario Pillado Mon voltará a ser o candidato á alcaldía do Bloque Nacionalista Galego nas eleccións municipais do vindeiro 26 de maio. A súa formación indica que optaron por darlle continuidade ao seu proxecto porque "Pillado liderou o traballo de oposición ao goberno do PSOE desde o minuto cero da lexislatura, ante un PP carente de ideas e máis preocupado polas liortas internas que polos problemas dos veciños e veciñas".

Engaden que o seu foi o grupo que trasladou aos plenos os asuntos que realmente preocupan á veciñanza e "Pillado demostrou que é unha persoa na que se pode confiar e que está sobradamente capacitado para levar a cabo un traballo serio e responsábel".

O candidato nacionalista, pola súa banda, amósase moi ilusionado e loitará por situar ao BNG á fronte do Concello. Di que ve posibilidade de situar o seu grupo á fronte do goberno municipal e que por iso "saímos a gañar avalados por estes catro anos de traballo desde a oposición ao goberno do PSOE, que foi incapaz de levar a cabo ningunha das súas propostas".

Concretamente, Mario Pillado lembra que o goberno municipal que encabeza o socialista Alfredo Llano non puido sacar adiante cuestións nas que se tiña comprometido como por exemplo a peonalización de rúas, a regulación do mercado semanal ou a construción dunha nova depuradora.

Tamén lembra que os socialistas se comprometeron a construír un novo pavillón polideportivo e "non se fixo nada, malia que Alfredo Llano se comprometeu a iso en repetidas ocasións".

IRRESPONSABILIDADE. Baixo o seu punto de vista durante os últimos catro anos o goberno municipal burelés estivo en mans "dun alcalde irresponsáble, que gobernou sen rumbo malia dispor de maioría absoluta e que demostrou que só buscaba a foto e o titular. Llano non é de fiar, sen esquecermos que semella estar máis preocupado en buscar asento no Senado madrileño que en solucionar os problemas da veciñanza de Burela", conclúe Pillado.

Comentarios