"Sempre me gusta facer bandeira de Burela e do Valadouro"

O mariñao Nuno Pico presenta o primeiro single do proxecto en solitario Grande Amore. O videoclip de Vémonos no baño foi gravado no mes de xaneiro entre Adelán e Ferreira
O avance do primeiro disco de Grande Amore xorde da "nostalxia de non poder saír por aí de festa". EP
photo_camera O avance do primeiro disco de Grande Amore xorde da "nostalxia de non poder saír por aí de festa". EP

O cantante mariñao Nuno Pico lanzou este xoves o primeiro single do disco que prepara no seu proxecto en solitario Grande Amore. Baixo o título Vémonos no baño, este valadourense criado desde os oito anos en Burela deixa entrever as liñas mestras dun traballo do que non quere avanzar moito máis. "O nome é unha sorpresa e o resto vai ir bastante na onda deste adianto, e a ver como o vai recibindo a xente", sinala.

Si avanza que A Mariña seguirá tendo presenza no resto do traballo, xa que o primeiro videoclip foi gravado a cabalo entre a antiga gasolineira de Adelán, en Alfoz, e ubicacións de Ferreira como o campo do Árbol. "Sempre me gusta facer bandeira de Burela e do Valadouro. Eu son de Frexulfe, crieime alí e son sitios emblemáticos para min. Sempre tiven ganas de que saísen nun vídeo meu", afirma.

A influencia do director cervense Xaime Miranda tamén se vai notar. "O seguinte vídeo estouno preparando con el e estamos mirando onde localizalo. Posiblemente sexa en estudio porque agora co covid complícase rodar en exteriores, pero sempre que poida quero meter cousas da Mariña porque me fai ilusión que se vexa representado de onde son. A Mariña mola e está guai que se vexa", apunta.

NOSTALXIA DA FESTA. A resposta á temática do adianto escollido ten que ver co momento que vivimos. "Vémonos no baño supoño que é pola nostalxia que teño de non poder saír por aí de festa nin nada. Con esta canción véñenseme á mente momentos felices, recordos de chans pegañentos e de estar rodeado de xente suando e tal", explica.

Ademais do proxeco en solitario de Grande Amore, no que xa case leva dous anos traballando, Nuno estalle sacando moito rendemento á pandemia, xa que en xaneiro presentaba Los Rastreadores con Chicho de Ortiga e continúa co proxecto de Oh! Ayatollah. "Este ano foi o máis produtivo da miña vida. É unha pena non poder tocar por aí, pero a nivel creativo foi espectacular. Normal, en algo hai que botar o tempo", di entre gargalladas.

Mentres non volven os concertos, tamén lle saca moito partido a plataformas como Twitch ou Instagram, que lle permiten ter máis contacto cos seus seguidores e tocar en directo. "Hai que manterse activo dunha forma ou outra e estar en contacto coa xente sempre se agradece. Pásoo moi ben facendo os directos e é entretido", indica.

A fichaxe pola produtora Ernie Records é un salto máis na súa carreira musical. "Xa tiña relación laboral con eles porque traballo na produción dos concertos de Ortiga. Son xente coa que é moi fácil traballar e a verdade é que estar cunha produtora afórrache moito traballo a nivel loxístico", destaca. "Facer todo ti só é moi sacrificado e déixache menos marxe para dedicarte só a facer cancións. Nese sentido é unha bendición", engade.

Mentres segue cocendo o seu disco en solitario, ábrese a calquera proposta. "En grupo é moito máis fácil traballar. Facer todas as partes do proceso un só é máis sufrido. Con catro ou cinco opinións chegas sempre máis rápido a conclusións. E logo sempre me gusta experimentar, porque ao final é onde saen as cousas máis divertidas", conclúe.

Comentarios