Un mariñán de 35 anos, o adulto máis novo ingresado en Uci na pandemia

O home é un dos casos do gromo de Viveiro, que suma 62 positivos en tres concellos
La Uci del Hula. ANA VARELA
photo_camera A Uci do Hula. ANA VARELA

Un home de 35 anos, enfermo de covid-19 tras o gromo de Viveiro, ingresou este mércores na Uci do Hula por mor dunha pneumonía bilateral. Trátase do paciente adulto de menor idade hospitalizado na área de críticos do hospital lucense por esta enfermidade durante a pandemia. Con anterioridade, un neno de 10 anos foi ingresado na Uci pediátrica do centro, pero non durante o período infectivo senón posteriormente, a consecuencia dun shock tóxico causado por covid.

O mariñán levaba varios días hospitalizado en Burela recibindo tratamento, pero o pasado martes decidiuse o seu traslado ao Hula e, na mañá deste mércores, pasou a coidados intensivos. Neste momento son dous os pacientes con covid na área de críticos do hospital de Lugo.

A media de idade dos enfermos que son hospitalizados por mor de complicacións tras unha infección por este coronavirus foi baixando a medida que avanza a pandemia e os grupos de maior idade completan a pauta de vacinación. Aínda que os vacinados poden contaxiarse adoitan pasar a enfermidade con síntomas máis leves polo que non necesitan hospitalización ou, se o fan, reciben o alta con rapidez e non precisan ingreso en coidados intensivos.

O gromo de Viveiro segue sumando casos e este mércores eran un total de 62 os vinculados a el, fundamentalmente nese concello pero tamén en Cervo e Xove. Sanidade sabe que o foco e o xeito na que se propagou ese gromo foron varias comidas, pero non está claro como se sucederon xa que, durante o rastrexo, aparecen versións contraditorias.

Nalgúns casos fálase dunha comida á que acudiron varios traballadores de supermercados do municipio vivariense, que despois abrirían cadeas de transmisión entre familiares e amigos. Noutros, a dunha mesma persoa que acudiría a varias comidas sucesivas con empregados de distintos supermercados e que serviría de vector de transmisión e, finalmente, da posibilidade de que se tratase dunha comida familiar o foco inicial e que, posteriorermente, algúns dos asistentes contaxiasen a compañeiros de traballo noutras comidas posteriores.

Do que non se dubida é de que os contaxios producíronse fóra dos tres supermercados que teñen empregados afectados, xa que o uso de máscara fréaos nos centros de traballo. Neste momento, este é o gromo de maior envergadura que permanece activo na provincia.

Tamén segue achegando casos o de Vilalba. Está previsto que Sanidade organice un cribado no IES Basanta Silva —no que Educación leva dous boletíns seguidos informando de 6 casos— para este venres.

Nos centros educativos da provincia Educación comunicou este mércores un caso menos que no día anterior, 64, e a reapertura da aula do Ceip de Celeiro (Viveiro), co que non había ningunha pechada. Nese centro contabilizouse, con todo, un caso máis, pasando a 8.

Comentarios