"A Mariña ten un dos patrimonios xeolóxicos máis ricos de Galicia"

O xeólogo Fran Canosa será o condutor da última andaina do programa A Mariña en Ruta, unha actividade organizada pola Mancomunidade que amosa os tesouros xeolóxicos da comarca. A derradeira ruta deste outono discorrerá por Ourol e as grandes protagonistas serán as rochas máis antigas de Galicia e a falla de Viveiro
Fran Canosa, nun taller de bateo. EP
photo_camera Fran Canosa, nun taller de bateo. EP

As rochas máis antigas de Galicia e a falla de Viveiro serán as grandes protagonistas este domingo da última andaina do programa A Mariña en Ruta, que organiza a Mancomunidade de Concellos da Mariña. O xeólogo Fran Canosa (Vilagarcía, 1983) será o encargado de guiar unha marcha que sairá ás dez e media da mañá do concello de Ourol e discorrerá integramente por este municipio. Informan na web enruta. amarinalucense.gal ou nas redes sociais de turismo da Mancomunidade.

Que será o máis destacado que se poderá ollar nesta ruta?
O percorrido desenvolverase na zona de Ourol e a nosa intención é coñecer un pouco máis sobre o patrimonio xeolóxico deste concello. Sen dúbida, o máis destacado é a falla de Viveiro e poder ver unha serie de rochas que están consideradas as máis antigas de Galicia. Teñen ao redor de 580 millóns de anos e, aínda que é certo que aparecen noutros puntos da comunidade, quizais polas condicións nas que se atopan e a claridade dos afloramentos, é un lugar destacado. Esas rochas formáronse cando Galicia seguramente estaba no hemisferio sur e desde entón foron viaxando e engadíndose outras para dar o aspecto do conxunto rochoso que temos hoxe en Galicia. Ademais, o sitio onde imos velas é moi bo, porque aproveitamos un corte recente, que está moi ben conservado e sen vexetación.

E que sobresae na falla de Viveiro?
É outro elemento moi destacado. Cando falamos dunha falla asociámolo a terremotos, pero non sempre ten que producilos. As fallas, ao igual que os volcáns, teñen períodos de actividade e outros de non actividade. A de Viveiro leva durmida uns 300 millóns de anos, pero no seu momento foi unha das máis importantes do sur de Europa. Agora é unha falla inactiva, pero iso non quere dicir que no futuro xeolóxico non poida volver poñerse en activo.

É dicir, no pasado provocou terremotos importantes?
Si, houboos. De feito, por calculos que se fixeron en estudos antigos, sabemos que cando a falla tivo actividade, a rotura que se produciu fixo que houbese un desprazamento vertical de máis de 10 quilómetros, superior incluso ao do Himalaia. Isto quere dicir que, en orixe, as rochas dun lado e do outro estaban separadas 10 quilómetros en altura. Co paso do tempo, foise desgastando e homoxeneizando o relevo.

A rotura cando tiña actividade fixo que houbese un desprazamento vertical de dez quilómetros, maior que o do Himalaia

Onde comeza e remata esta falla?
Sabemos que comeza na plataforma continental, alonxado da nosa costa uns 40 ou 50 quilómetros, e entra polo medio da ría de Viveiro, atravesa a praia de Covas e continúa en dirección a Ourol pasando despois pola Terra Chá e desapare cendo pola zona de Valdeorras.

A Mariña ten un patrimonio xeolóxico moi destacado?
Si, desde logo que é destacado en comparación con outros territorios, sobre todo pola variedade de materiais e elementos que apareceron nos últimos tempos. Ademais, é moi diferente o que podemos encontrar en Ribadeo ao que hai no Vicedo. Hai lugares destacados tanto a nivel da Península Ibérica como internacionalmente. De feito, na Mariña hai máis dunha ducia de lugares que están no inventario da comisión de patrimonio xeolóxico do Instituto Geológico y Minero de España, organismo estatal que se encarga de velar, poñer en valor e dar a coñecer o patrimonio xeolóxico.

Que tal acollida están tendo estas rutas da Mancomunidade?
Creo que está sendo moi boa. A xente ten ganas de saír e coñecer os tesouros que temos. Ademais, son aptas para todos os públicos e non teñen dificultade. É unha lástima que, pola pandemia, só poidan participar cinco persoas.

A Terra está cambiando todo o tempo e un exemplo témolo no derrubamento nas Catedrais.
Nas Catedrais estaba claro que, antes ou despois, parte dos arcos se ían ir desprendendo dentro do fenómeno natural que é a erosión mariña. Despois de ver a situación na que quedou parte dese arco que colapsou, o máis probable é que nos vindeiros meses se sigan producindo desprendementos a pequena escala. Hai que extremar ao máximo as visitas porque, nunha primeira ollada, vin rochas que estaban ao borde e que poden ser movidas polo vento ou as precipitacións. Temos o inverno ás portas e véxolle moita actividade a ese sector. Incluso case recomendaría que se prohibira o acceso naquela zona ás visitas porque o risco vai ser extremo. Tal e como caeron e quedaron as rochas, xusto detrás duns illotes e nun recuncho, vaille custar moito movelas ao mar e o máis probable é que lle leve bastantes décadas volverse cubrir de area.

Comentarios