Miles de persoas reclaman unha solución para a fábrica de Alcoa en San Cibrao

A Mariña está a mobilizarse para tratar de frear o posible peche da planta de produción de aluminio primario de San Cibrao

Miles de persoas manifestáronse en Viveiro para reclamar a continuidade da produción de aluminio primario na comarca da Mariña e, consecuentemente, o mantemento dos postos de traballo na fábrica que a multinacional Alcoa ten en San Cibrao.

►📸 As mellores imaxes da histórica marcha

Logo de percorrer o centro urbano da localidade vivariense, a marcha terminou nunha abarrotada Praza Maior, onde os manifestantes volveron reclamar, con consignas como "A solución, unha intervención" ou "Enerxía, solución", unha saída que permita evitar o peche dunha planta vital para a economía da comarca.

A Mariña está a mobilizarse para tratar de frear o posible peche da planta de produción de aluminio primario de Alcoa, despois de que a multinacional anunciase o inicio do período de consultas para executar o despedimento colectivo de 534 traballadores, practicamente a totalidade do persoal desa fábrica.

Se este sábado no municipio de Xove na manifestación que percorreu a localidade unhas 5.000 persoas, este domingo en Viveiro concentráronse este domingo ao redor dunhas 17.000, segundo a Policía Local, e 25.000, segundo a organización da manifestación.

Na protesta de Viveiro, os traballadores da factoría e das empresas auxiliares, cuxos empregos dependen tamén da continuidade da fábrica, vestíronse coas súas roupas de traballo, mentres que os seus familiares levaban roupa "de loito", en sinal de duelo por unha decisión empresarial que podería tinguir do negro o futuro desta comarca.

En declaracións aos medios de comunicación, o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, esixiu unha "solución xa", porque "sexa unha intervención ou sexa cal sexa, téñennola que dar os políticos. E téñennola que dar xa".

O presidente do comité de empresa recordou que os manifestantes estaban "a gritar moi alto", para reclamar "que arranxen o problema. Que interveñan xa esta empresa e que busquen unha solución que sexa factible".

Ou o que é o mesmo, que garanta o funcionamento da única fábrica que queda no país que produce aluminio primario, o mantemento da actual produción e, consecuentemente, dos postos de traballo tanto na factoría como nas empresas auxiliares.

Os manifestantes tamén lanzaron consignas para reclamarlle ao Goberno central a creación dun estatuto para a industria electrointensiva que lle permita a este tipo de empresas dispor dun prezo da enerxía competitivo, similar ao que goza a súa competencia noutros países europeos.

O martes está prevista a reunión da mesa multilateral polo futuro da fábrica, na que sentará a Administración, os representantes dos traballadores e a propia dirección de Alcoa, aínda que José Antonio Zan recordou que, de momento, a "vontade de diálogo" por parte da compañía "é case nula".

Na manifestación tamén participaron representantes de todos os partidos políticos maioritarios.

Comentarios