Alerta por fortes ventos na costa e nevadas en cotas moi baixas

En Penedo do Galo os refachos superaron os 95 quilómetros por hora. A cota situarase entre 600 e 1.200 metros

A semana comezou na Mariña con baixada de temperaturas e fortes ventos do nordeste. A comarca permaneceu ata as 18.00 horas deste luns en alerta amarela por intensos refachos e temporal marítimo. Segundo informa Meteogalicia, o aviso volverá activarse este martes ás seis da mañá e manterase ata as 9.00 do mércores. 

O refacho máximo na comarca rexistrouse en Penedo do Galo, onde se superaron os 95 quilómetros por hora. O valor máis alto de Galicia anotouse en Punta Candieira, en Cedeira, con 115 km/hora. 

Debido ao mal tempo, a flota de baixura non saíu a faenar e permanece amarrada nos portos mariñáns. 

EXTREMAR PRECAUCIÓNS. A Dirección Xeral de Protección Civil e Urxencias emitiu este luns un aviso no que recomenda extremar as precaucións en estradas e zonas marítimas.

Ante os ventos costeiros, recomenda afastarse da praia e doutros lugares baixos que poidan ser afectados polas elevadas mareas, evitar estacionar os vehículos en zonas que poidan verse afectadas a ondada e non pór en risco a vida por captar imaxes espectaculares. 

NEVE A 600 METROS. Segundo as previsións da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), a entrada dunha masa de aire moi frío afectará a toda a península, o que producirá un descenso xeneralizado das temperaturas, principalmente na metade norte e centro peninsular, ata valores excepcionalmente baixos para a época do ano.

A cota de neve estará baixa, entre 300 e 600 metros ao principio do día na metade norte, excepto o nordeste e no norte da meseta sur pero ao continuar o día subirá ata 1.400 a 1.800 metros. En Andalucía, no sur do Levante e en Cataluña nevará ao principio do día a partir de 1.400 a 1.800 metros pero irá subindo a continuación.

No resto, a cota situarase entre 600 e 1.200 metros e subirá a 1.500 a 1.800 metros. As temperaturas máximas tenderán a subir no extremo norte e baixarán no val do Ebro, no interior sueste e na zona centro peninsular.

As temperaturas terán poucos cambios no resto e pola noite espéranse xeadas débiles en boa parte do interior da metade norte peninsular, máis intensas en zonas de montaña.

Comentarios