María Simón: "Quixen retratar traballos que se están perdendo"

Durante o confinamento dediqueime a sacarlle fotos aos meus veciños e logo íallelas deixando nos buzóns cando facía algún recado
María Simón posa diante de varias imaxes que compoñen a mostra que se expón na Sacabeira. EP
photo_camera María Simón posa diante de varias imaxes que compoñen a mostra que se expón na Sacabeira. EP

A SACABEIRA Café Bar Cultural, en Sargadelos (Cervo), acolle durante este mes e o de outubro unha exposición da fotógrafa viveiresa María Simón. A mostra, composta de once imaxes, recolle diferentes temáticas sociais nas que a súa formación académica —diplomada en Educación Social— inflúe nos seus disparos.

Que se pode ver nesta mostra?
Son imaxes de tres temáticas diferentes. Por un lado redeiras e redeiros, por outro castañeiros e castañeiras e logo unha historia emotiva que vivín coas miñas compañeiras de piso no confinamiento. Antes de estar na Sacabeira estiveron no Chiringuito da Abrela e no estudio de tatuaxes Rock for Light, en Sada, que rexenta o viveirés Iván Pérez.

Cando fixo as fotos e de onde son os protagonistas?
A historia do confinamento foi na rúa Pérez Porto, no barrio dos Mallos da Coruña, onde vivía; as redeiras son de Malpica e os castañeiros retrateinos tamén na Coruña. Estas últimas saqueinas o mes de decembro pasado.

Son todo retratos?
Non, hai de todo. Nas redeiras hai primeiros planos cortando unha rede cunha navalla, noutras aparecen sentadas traballando e tamén hai fotos das redes. No caso dos castañeiros, son fotos sacadas mentres traballan.

Por que estas temáticas?
As das redeiras e redeiros foi por un traballo dunha compañeira de Educación Social. Pediume que lle botase unha man coas fotos e aproveiteinas para isto. A dos castañeiros foi casual, un día paseando. Como xa fixera a das redeiras, quixen darlle visibilidade a traballos que son pouco coñecidos e que se están perdendo.

Os estudos que cursaba influíron na súa maneira de fotografar?
Imaxino que si porque sempre me tiraron os temas sociais.

Unha veciña de 96 anos recoñeceume un día no supermercado, deille as fotos, deixámoslle o noso número e desde aquela creo que lle servimos de compañía

As fotos do confinamento esconden unha historia emotiva.
Si, cunha veciña que tiñamos de 96 anos. Como todo o mundo, saiamos ás oito da tarde a aplaudir e eu dediqueime a sacarlle fotos a veciños e, cando baixabamos a facer a compra, deixáballelas no buzón para intentar alegrarlles un pouco os días. Algúns pegáronas nas ventás e dábanme as grazas,pero un día unha señora faloume no supermercado. Sorprendinme porque alí practicamente só coñecía a estudantes. Era a veciña máis maior, que me recoñecera. Preguntoume se era eu a que lle estaba sacando as fotos, estaba moi contenta e xa lle din unha que acababa de imprimir. Ao día seguinte apareceu pegando a foto na ventá e aí saqueille unha das imaxes da mostra. Logo regalámoslle un selfie de nolas tres e tamén o pegou. Vivía soa, deixámoslle o noso número por se necesitaba algo e creo que lle fixemos compañía.

Desde cando saca fotos?
Non sabería dicir porque sempre estiven cunha cámara na man. Son autodidacta e fun aprendendo de xente como Antonio Ben, Paco López e Xan Fernández, dos Negativos de Viveiro, que foron os que me animaron a expoñer; Adrián Cunha, de Pixelín Photo; Dani e Elsa, de Black Sea Audiovisual; ou Diego Alonso. Simón posa diante de varias imaxes que compoñen a mostra que se expón na Sacabeira.

Comentarios