As mareas vivas volven asolagar o paseo de Covas e hai neve no Cadramón

As ondas volveron sobrepasar a senda da praia

As ondas alcanzaron o paseo de Covas. X.L.
photo_camera As ondas alcanzaron este xoves o paseo de Covas. X.L

A combinación de alerta laranxa por mar de fondo do noroeste con ondas de ata seis metros de altura e situación de mareas vivas provocou que o mar fixese das súas de novo no paseo marítimo de Covas, desprotexido dende hai unhas semanas despois de que anteriores temporais levasen a area trasvasada dende o outro lado da praia, uns 30.000 metros cúbicos.

Xa momentos antes do punto álxido da preamar da tarde as ondas petaban contra o muro do paseo e superábano ata asolagalo na zona máis conflitiva. A alerta laranxa estivo activada ata a medianoite e o aviso baixou despois a amarelo, no que se manterá ata as tres da tarde deste venres por probabilidade de ondas de catro a cinco metros de altura.

En terra este xoves a situación non foi moito mellor, marcada por unha baixada brusca dos termómetros que fixo que a neve asomase nos cumios máis altos da comarca, como O Cadramón,

A temperatura mínima rexistrada onte nas estacións de Meteogalicia estivo na Pontenova, con 1,8 graos, e no Penedo do Galo en Viveiro, con 2,2, o mesmo lugar no que se rexistrou a temperatura máxima máis baixa, de 6,1 graos. As máximas foron moi cativas en toda a comarca e só a estación ribadense de Pedro Murias superou os dez graos, con 10,3.

As precipitacións tamén estiveron moi presentes e tiveron forma de fortes saraibadas en municipios coma o de Viveiro, onde mesmo houbo algún corte intermitente de luz.

Comentarios