Mareas grandes na ría do Barqueiro

Era unha forma de facer unhas motas. Iamos a Arealonga, aí era a fonte de riqueza da navalla e do longueirón que contabamos por mans
Día de marisqueo a flote no porto do Barqueiro a principios dos anos 70. ARQUIVO DE PEDRO DÍAZ TIRSIO
photo_camera Día de marisqueo a flote no porto do Barqueiro a principios dos anos 70. ARQUIVO DE PEDRO DÍAZ TIRSIO

A piques de cumprírense cincuenta anos da súa época de apoxeo económico, a actividade marisqueira desenvolta polas confrarías de Barqueiro-Bares e do Vicedo, especialmente arredor do último cuarto do século XX, ben merece unha lembranza.

Segundo consta en acta do 1 de abril de 1971 o Cabido da Confraría de Barqueiro-Bares, con Francisco Juncal Pérez de Patrón Maior, "viendo la necesidad y urgencia de una racional explotación marisquera de nuestra ría se toma el acuerdo de crear con carácter definitivo una cooperativa que alcance a todos los mariscadores de esta zona del Barquero, Bares y Riberas del Sor". O Plan de Explotación Marisqueira de Galicia aprobado pola Xunta o 30 de abril de 1970, procuraba a mellora do cultivo e da comercialización dos moluscos delimitando zonas de interese marisqueiro, fomentando a investigación e a explotación racional dos recursos. Melloraríase a capacitación profesional da poboación marisqueira mediante cursos de formación, asistencia técnica con biólogos, capataces e vixiantes do Plan para dirixir os cultivos, calendario de marisqueo, creación de viveiros, subvencións da Consellería de Pesca...

FONTE DE INGRESOS. O auxe da iniciativa nos portos do Vicedo, Bares e do Barqueiro nas décadas dos 70, 80 e 90 convertirá esta actividade, tradicionalmente complementaria, propia dunha economía familiar, sen mercado, nunha sólida fonte de ingresos para o sector. A relación nominal de mariscadores "a flote" e mariscadoras a pé naqueles anos corroboran o marisqueo como privilexiado sustento.

En datos remitidos ao Sindicato Provincial de Pesca en 1973, a Confraría de Barqueiro-Bares notifica un censo de 92 mariscadores/as. Apenas un ano máis tarde, en acta do 3 de novembro de 1974, fanse constar 322 mariscadoras de a pé e 110 "a flote", un total de 432 persoas faenando nos areais e bancos desta ría.

A entidade, dende o 1 de Outubro de 1971, esixiu inscribirse no censo para obter carnet de primeira clase (mariñeiros "a flote") ou de segunda (a pé, xeralmente, na man das mulleres). Tamén establecería calendarios, vedas, sancións, descontos en lonxa proporcionais ás xornadas traballadas, días de poxa, así como puntos de venda (a lonxa do Barqueiro e unha caseta na parroquia de San Fiz de Mañón).

Só podían acceder ao carnet as esposas de mariñeiros e mariscadores inscritos na Confraría; tamén, os seus fillos e fillas maiores de 16 anos, as viúvas de mariñeiros ou mariscadores, e quen posuise carnet doutra Confraría, pero residente en Mañón.

Entre as normas desta actividade establecéronse tamaños mínimos e tope de capturas, dous quilos de ameixa por persoa/día, e trinta de berberecho, quedando libre o da navalla. Ademais, fixábanse prezos mínimos e tamaños.

MARISQUEOAsí, na zamburiña e no berberecho, o tamaño debía estar entre 80-90 pezas en quilo, e o Patrón Maior ou un encargado da Confraría paraba a poxa se non pasaba de 23 e 25 pesetas, respectivamente; en 1976 non vendían por un prezo inferior ás 80 ptas. Na coquina, prezo mínimo, 75 pesetas. O desconto en lonxa era o 2 %, permitíndose marisquear aos xubilados, pero só para consumo propio, sen poderen vender as capturas. A Confraría outorgaba descontos para quen fixese os traballos regulamentados de repoboación na praia, como "trasladar el berberecho de la zona fangosa de la playa de San Fiz a otra zona de mejores condiciones para su producción".

En maio de 1976 fixáronse os límites de acordo coas Confrarías limítrofes, quedando en praia de Esteiro, desembocadura do Loiba e praia da Lama (Bares).

NORMATIVA. A normativa xeral era consensuada coa do Vicedo, explotando en común o banco natural do Lombo das navallas. A xerencia do Plan Marisqueiro de Galicia concedéralle á Confraría de Barqueiro-Bares 207.820 metros cadrados para explotación propia, e outra conxunta coa Confraría do Vicedo. Pagaba un canon de 20 céntimos m2, que supoñían 200 pesetas, que se lle cobraban a cada mariscador, ademais de abonar o propio carnet.

Grazas á respectuosa relación entre as dúas confrarías que explotaban a ría conseguiron que non xurdise ningún conflito laboral nas marismas do Sor, sempre consensuando normas, apertura e peche das vedas, traballos de repoboación nas praias, zonas de marisqueo, prezos, días e horarios de venda, etc.

MARUJITA CANELA. No libro Conserveiras de Celeiro, Vicedo, Bares e Barqueiro, autoría de Carlos Nuevo e de quen escribe, a filla do fabricante de Conservas El Cisne e Marujita Canela, Mercedes Piñeiro, evoca aqueles esplendorosos tempos: "A mí lo que más me impresionaba eran los berberechos en conserva: era muy bonito porque lo que hacían los conserveros era ir a subasta a las playas, que eran subastas a la baja. Allí había diferentes compradores; entonces comprabas la playa para un día, para dos, o para tres días, no sabías exactamente la cantidad que se iba a recoger, tenías que hacer una estimación".

Como que se compraba a praia? "Se compraba a futuros, comprabas la playa para un día, dos o tres; lo que se cosechase se cargaba en sacos y venía para la fábrica. También recuerdo los grandes sacos de arpillera que estaban al lado de la playa o en la lonja (me parece estar oliendo ese olor intenso de los berberechos recién recogidos). A un lado de los berberechos, en una cantidad más pequeña estaban los sacos de longueirones y almejas que también trabajábamos. Era por octubre, siempre con las mareas grandes. Teníamos unas máquinas que hervían el berberecho, lo separaban de la cáscara, y otras máquinas escupían la cáscara. Esa cáscara se usaba en las casas; recuerdo en Cariño que se utilizaba para hacer asfaltados. El personal de la fábrica de Vicedo venía desde toda la comarca: Espasante, Barquero, Bares, Riberas del Sor, Vicedo, San Román... Algunas acudían en moto, en bici y había un autobús, creo que era el de Fanego que recogía a algunas".

FAUSTINA SOLLOSO. Quen fora Patroa Maior da Confraría do Vicedo dende 1996 a 2016, Faustina Solloso Vale, contábame en 2015 que "cando viñan as nortadas, uns ventos tan fortes que había tal cantidad de longueiróns que os arrancaban en Moledos, unha pedra que hai antes en Arealonga, aparecían pola praia adiante tirados; ao día seguinte cada un apañaba todo o que podía, en carros ou no que fose: era a marea do día. Era unha forma de facer unhas motas. Íbamos a Arealonga, aí era a fonte de riqueza da navalla e do longueirón. Contábamos os longueiróns por mans, por si algún iba esgaitado; cada man tiña cinco longueiróns, e despois vendíanse por centos. Ó primeiro, as navallas, a coquina, agora con estes nombres científicos, cadelucha, non tiñan venta porque non lle daban valor, collíamolas para facer un arroz, para comer, e aqueles longueiróns esgaitados aproveitámolos para facer á plancha. A vida era diferente entón. Se lle falo ó meu fillo da vida de antes non me entende. Marisqueábase por parexas, eran matrimonios. Pero facía falta un estudio de impacto ambiental, e agora levamos anos sen poder mariscar en Arealonga nin no ‘Lombo das navallas’ porque os recursos non existen: fixéronse obras, perdeuse a salinidade das pontes cara arriba, o mar empezou a levar todas as dunas… Se volve xente de hai sesenta anos non reconoce Arealonga".

María Pilar Vázquez, secretaria da Confraría do Barqueiro-Bares, cuida con profesionalidade a documentación dende hai trinta anos e recorda con tanta nostalxia aquela enchente coma con mágoa a deriva dun sector que tiña vida e agora foise pola mar abaixo: "As obras de espigóns e na ponte supuxeron un cambio das correntes cargando de area o canle á altura dos bancos marisqueiros: actualmente só traballamos a ostra, apenas contamos con catorce mariscadoras".

"Libros enteiros poderían escribirse falando do eterno infortunio que afrixe ó nosos aldeáns e mariñeiros, soia e verdadeira xente de traballo no noso país" (Rosalía de Castro). 

Comentarios