A marcha dos 'resus' provocou tráfico intenso e lento en Viveiro

A organización, que colgou o cartel de completo por terceiro ano, destaca a concorrencia ao festival. Cre "apoteósico" o peche de Kiss

A marcha dos resus provocou este domingo tráfico lento e intenso durante toda a mañá en Viveiro, o que obrigou á Policía Local a regular a circulación en distintos puntos, como a glorieta do Ecce Homo ou da Misericordia e na travesía, ao comezo da avenida Benito Galcerán, a causa tamén das festas do Carmen.

Os seguidores do Resurrection Fest abandonaron a cidade do Landro de xeito ordenado, na súa maioría durante a mañá, aínda que algúns demoraron algo máis a partida.

As forzas da orde consideran que o evento se desenvolveu de forma máis tranquila que en anos precedentes e incluso destacan que houbo un número de incidencias menor. A Policía Nacional indicou que a de maior importancia produciuse durante a última madrugada, do sábado ao domingo, cando unha moza se sentiu mal tras a inxesta de bebidas alcohólicas combinada con outras sustancias, polo que debeu ser trasladada ao Hospital da Costa, en Burela, onde quedou ingresada.

O inspector principal do corpo, Jesús Seco, tamén apuntou que rexistraron denuncias polo extravío ou furto de catro ou cinco teléfonos móbiles e carteiras. Ademais, na comisaría custodian algunhas, que cren que puideron perder asistentes ao festival porque teñen diñeiro e a documentación no seu interior. Por iso, descartan a actuación de grupos organizados de carteiristas. Ao final da semana farán o reconto unha vez que se produzan posibles denuncias de última hora cando os participantes regresen aos seus domicilios. Tampouco contabilizaron pelexas salvo unha discusión con danos nunha tenda de campaña e un conato de agresión dun asistente ebrio a persoal de seguridade ao tratar de acceder ao recinto sen a pulseira. Non detectaron posesión de drogas, excepto para consumo propio, aínda que a Garda Civil si o fixo.

Pola súa banda, o responsable de Protección Civil de Viveiro, Manuel Expósito, agradeceu o apoio que prestaron os reforzos dos concellos da Coruña, Culleredo, Ourol, O Vicedo, Mondoñedo, Vilalba, Portomarín e Riotorto. Isto motivou que venres e sábado houbese case 30 persoas, o que facilitou o traballo de forma considerable aos integrantes do dispositivo, que ademais contaron cos medios do posto de mando avanzado do 112, que desprazou o seu autobús con cámaras para controlar todo o que pasaba no campo de Celeiro. Expósito tampouco detectou contratempos de gran consideración. O máis común foi a inxesta excesiva de alcol mesturada con outras sustancias e lesións derivadas dos pogos.

BALANCE. Desde a organización do festival compartiron na rede social Twitter comentarios sobre a marcha do Resu que apuntan a un novo éxito. En concreto, destacaron que o pasado sábado se venderon todas as entradas, esgotándose por terceiro ano consecutivo, o que motivou que colgasen unha vez máis o cartel de completo. Por esta razón agradeceron a confianza depositada no evento polos seguidores das músicas rock, metal, punk e hardcore.

O equipo que capitanean os irmáns viveirenses Iván e David Méndez subliñou así mesmo o concerto ofrecido pola banda americana Kiss, que tachan de "incrible", un cualificativo empregado incluso polo mismísimo Paul Stanley: "Viveiro! I will remember you. You weew awesome!". "Un espectáculo de rock sen igual, no que non paramos de gozar de grandes éxistos. Con eles pechamos unha nova edición exitosa do festival", que non dubidan en considerar como "apoteósico".

Comentarios