jueves. 27.01.2022 |
El tiempo
jueves. 27.01.2022
El tiempo

Mans que crean vida

Ton Arenas. ÁLVEZ
Ton Arenas. ÁLVEZ
Ton Arenas é todo en Mircromina Monicreques, a única compañía de monicreques da comarca e cuxo taller nos Muíños acolle visitas guiadas

"Cando un boneco se move ben consegue atrapar a atención de calquera persoa, independentemente da idade, da cultura ou do seu estado anímico e físico, porque recoñeces que está a pasar algo", asevera Ton Arenas, o creador de Mircromina Monicreques, a única compañía de monicreques que existe na Mariña e da que el o é todo: desde creador dos bonecos e os escenarios nos que se moven ao narrador dunha historia na que os protagonistas viven ao ritmo que marcan as súas mans.

"O mellor deste oficio é actuar e que consigas que a xente se divirta un anaco", conta este madrileño de Móstoles para o que Mondoñedo foi sempre a súa segunda casa e desde hai uns anos, a primeira. "Meu pai é de aquí e viñamos sempre en vacacións e ata estou bautizado aquí", di sobre unha localidade na que se asentou tras optar por Lugo para estudar Agrónomos. "Vivo en Galicia porque sempre me gustou o verde e o engurrado, non como a meseta", di, aínda que o de perito agrícola non callou como esperaba porque se atopou con demasiada burocracia á hora de traballar.

INICIOS | "Quedei absorto cando vin vos bonecos por dentro"

A casualidade fixo que á mesma rúa na que vivía en Mondoñedo chegase a traballar Arturo Pérez, un titiriteiro co que empezou a establecer conversación e amizade, "de raro a raro", di Arenas, e ao que un día non lle botou unha man senón dúas, "porque as necesitaba para unha obra e alí foi onde empecei a descubrir os bonecos dende dentro e quedei absorto de como se movían", relata. "Foi do do que aprendín o oficio", recorda sobre os seus anos con Arturo. Pero en 2010 apostou por montar a súa propia compañía, pois "non concibo outra cousa que non sexa facer ou que eu queira", advirte.

DO ODIO AO AMOR. Así nace Mircromina, aquela palabra que de pequeno lle daba tanta rabia ouvir mal pronunciada e que lle retrotrae a momentos heroicos da súa infancia cos "galóns" que conferían as feridas curadas con aquela tintura vermella que era a mercromina "e que podías usala para curarte sen necesidade dun adulto", rememora.

Esa independencia foi o que buscaba cunha compañía, cuxos inicios foron "un desastre", tanto que "un amigo me recomendou que seguira vendendo leiras", sincérase, pero "co tempo fun aprendendo e agora estou contento porque vai saíndo ben", conta desde o seu taller dos Muíños, onde as marionetas —moitas, moitísimas— conviven en harmonía á espera de saír a escena. Algo que só é a punta do iceberg porque detrás hai un inmenso traballo de creación intelectual e manual, que foi outra das cousas que lle enganchou e ademais dos bonecos constrúe os escenarios, entre eles un de encartar para que sexa fácil o transporte e a montaxe. "É un traballo que recompila todo o que me gusta e conectoume coa plástica, con pintar, modelar, construír...", asevera.

COMPAÑÍA | "Ao principio foi un desastre, pero agora estou contento"

E é que cada monicreque é único e necesítase un por personaxe, "incluso se nunha primeira parte da obra é delgado e despois gordo tes que ter dous, porque non podes enchelo", di, sobre un matiz que escapa ao non expertos, como o feito de que sexan numerosos os tipos de marionetas existentes.

"Depende da forma de manipulalas e da historia que se queira contar", afirma Ton Arenas, pois o movemento dos bonecos axuda a que teñan a expresión precisa para que a historia gañe en credibilidade. Ás marionetas de man, nas que sobre unha luva se coloca unha cara e un vestido súmanse as clásicas que se moven con varios fíos, pasando polas que se manipulan desde abaixo con dúas varillas ou ás que se enganchan con paus, á cabeza e á man.

MARIONETAS | "O seu tipo varía en función da historia que conte"

"A todo iso hai que engadir ou teatro de obxectos e xa hai festivais que se anuncian como de monicreques e formas animadas e aí entran as sombras ou vos bonecos máis grandes que as persoas. O interesante de facer estes espectáculos e que non estás limitado a que sexan dunha forma e pasen unhas cousas, senón que se che dá a imaxinación podes facer calquera cousa que teña sentido", conta.

FUTURO. Nos seus doce anos á fronte de Mircromina Monicreques fixo representacións case por toda Galicia, pero tamén por festivais noutras partes de España e esta ponte irá a Portugal.

O seu "debate" céntrase agora en se seguir coa compañía tal e como está na actualidade ou crecer, e entre as súas ideas cabe a de facer marionetas de gran tamaño, ao estilo de Barrio Sésamo, coas que despois gravar historias.

O seu taller está situado no barrio dos Muíños e comparte asociación de artesanía con talleres de cantería, olería, serigrafía e fiado, que se poden percorrer por separado ou en visita conxunta.

Mans que crean vida
comentarios