O mandil convertido en símbolo da loita

Pendurados en balcóns e ventás ou en escaparates recordan a necesidade de igualdade e o traballo non remunerado
Estatuas con mandil en San Cibrao. AMA
photo_camera Acto na Praza da Mariña de Burela (esquerda), e escultura cun mandil en San Cibrao .

O mandil está sendo estes días protagonista saíndo das casas á rúa como símbolo da reivindicación da igualdade e para facer visible o traballo non remunerado nos fogares, que segue recaendo, na súa meirande parte, nas mulleres.

Son moitos os establecementos comerciais que estes días lucen nos seus escaparates mandiles, en moitos casos colocados en manequíns masculinos; tamén se poden ver tendales de mandiles en establecementos de hostalaría e en moitos actos reivindicativos, como o que onte se celebrou na Praza da Mariña de Burela, están presentes. Tamén se poden ver pendurados de ventás e balcóns de vivendas particulares.

Durante esta fin de semana son moitos os actos que se repiten para conmemorar o 8-M e para visibilizar o papel da muller en todos os sectores da sociedade.

Para hoxe está prevista a manifestación comarcal en Foz. Partirá as doce da mañá dende o Paseo de Colón -frente á praia da Rapadoira- e recorrerá a fachada marítima focega ata a praza Conde de Fontao baixo o lema "Sen coidados non hai vida. Mudando o sistema, derrubando o patriarcado". Ademais da manifestación, a xornada complétase con actuacións musicais, un xantar colectivo e unha foliada feminista, a partir das catro da tarde.

Non será este o único acto da xornada. En Xove, a partir das cinco e media, no centro cívico haberá unha homenaxe ás carteiras locais e unha chocolatada: en Ribadeo, a asociación de amas de casa réndelles unha homenaxe ás súas socias nacidas antes de 1930; en Alfoz, Vía organiza una ofrenda floral ás doce no castelo; en Ourol, máis dun cento de persoas asisten á Xuntanza de Mulleres que organiza o Concello en Merille; e en Mondoñedo homenaxease a varias mulleres na biblioteca e inaugurase un novo panel da mostra "A historia de Mondoñedo leva nome de muller" e hai unha comida.

Comentarios