Luz Pozo deixou un poema dedicado en especial a Ribadeo

É a primeira obra dun proxecto máis amplo e que recolle La Comarca del Eo, como ela quería
Deaño, Luz Pozo e Díaz Fierros. AMA
photo_camera Deaño, Luz Pozo e Díaz Fierros.

O semanario ribadense La Comarca del Eo, integrado no Grupo El Progreso, recolle na súa edición deste sábado un poema inédito da poeta Luz Pozo Garza, finada hai só uns días, que está dedicado a Ribadeo. O poema estaba custodiado polo ribadense Toni Deaño Gamallo, amigo persoal da escritora que conta que o expreso desexo de Luz Pozo era que esta obra saíse publicada en La Comarca del Eo. Na imaxe que acompaña a esta información a poeta aparece acompañada precisamente do propio Toni Deaño e máis do representante da Real Academia Galega e tamén ribadense, Francisco Díaz-Fierros, no día do acto no que se nomeou a Luz Pozo Garza como filla predilecta de Ribadeo.

O poema, de non moi longa extensión, leva por título Abrín portas de prata co subtítulo de Ribadeo Ribadeo e forma parte dun traballo máis amplo que a propia Luz Pozo explica a Toni Deaño que estaba elaborando coa intención de publicar tanto en La Comarca del Eo e tamén a través doutras canles.

Nunha carta remitida a Toni Deaño, Pozo Garza fala de si mesma como "unha poetisa que asomaba "inocente", modesta coma a folliña dunha árbore en Canta-la-rana. Descoñecida, inédita e xa desde moi nova, noutra Ría e máis aló -guerra incluída...- como foi Dionisio Gamallo Fierros, o teu tío benamado, que me inventou daquela... e así quedei".

Tamén lle fala de que continúa traballando nun proxecto específico para Ribadeo e conta que esta recollendo textos e alusión precisas "que poñan de relevo a miña relación con Ribadeo na miña longa vida".

A súa intención, aínda que non a ultima de todo, é facelo "seguramente non nunha orde cronolóxica... Espero conseguir un todo que me satisfaga e compense á miña vila natal do vacío forzoso das miñas vivencias silenciadas".

HISTORIA COMPLETA. Toda a historia completa do traballo que estaba facendo é a que recolle nun artigo Toni Deaño Gamallo que sae publicado no exemplar deste domingo do semanario ribadense que edita este Grupo.

Deaño contactou con ela a través do seu tío, Dionisio Gamallo, do que a autora sempre contaba que foi quen lle deu o primeiro empurrón para publicar.

Luz Pozo relatou como lle levou un dos seus primeiros poemas e contou con humildade que non sabía o que lle vira pero que a animara a que saíse publicado. Fíxoo e arrancou así a carreira dunha prolífica escritora.

Comentarios