Luis Fernández: "Estou moi contento e ilusionado de volver ao fútbol profesional na Superliga de Grecia"

Aínda que este venres cumpre 26 anos, o burelés Luis Fernández Teijeiro (Burela, 1993) xa puido vivir as dúas facianas do deporte e agora volve gozar do fútbol no Asteras Trípoli na Superliga de Grecia 

O dianteiro burelés Luis Fernández vaise dun rival do Atromitos de Burela. AMA
photo_camera O dianteiro burelés Luis Fernández vaise dun rival do Atromitos de Burela. AMA

Logo da súa rápida irrupción no fútbol profesional no Deportivo, co que se converteu en profesional e conseguiu o ascenso a Primeira na temporada 2013/2014 participando en 28 encontros e anotando 5 goles, o dianteiro mariñán pasou por Lugo e Huesca, dous clubs nos que tamén estivo a un notable nivel, anotando 9 goles e xogando máis de medio cento de partidos na segunda categoría do fútbol español.

A partir de aquí, xa fóra da órbita do Deportivo, Luis Fernández Teijeiro coñeceu a a outra faciana do fútbol, a máis desagradable. A súa chegada ao Alcorcón, no que un cambio de adestrador o condenou ao ostracismo, fixo que en xaneiro saíra cara o UCAM Murcia, tamén de Segunda, pero alí lesionábase de gravidade no terceiro partido. Volvía sufrir unha rotura do ligamento cruzado dun xeonllo, unha lesión que xa padecera na súa etapa no Fabril.

Logo de sete longos meses, onde recoñece que pensou en deixar o fútbol, volvía ao conxunto fabrilista, despois de que o club deportivista lle dese a oportunidade de adestrarse nas súas instalacións. Unha temporada máis tarde, tras disputar cos branquiazuis a fase de ascenso a Segunda División, regresaba ao UCAM Murcia, agora na 2ªB. Alí de novo as lesións cortaban a súa traxectoria ao principio, con problemas de pube e unha operación por unha hernia.

Finalmente xogaría 17 partidos e anotaría 9 goles, antes de enrolarse este verán no Asteras Trípoli da Superliga de Grecia, un conxunto da máxima categoría helena que lle permite volver ao fútbol profesional e no que está recuperando toda a ilusión por este deporte e agarda poder demostrar a calidade que atesoura.

Como lle están indo as cousas por Grecia?
Estou ben e moi contento porque está sendo unha gran experiencia. A verdade é que ata o momento estamos moi felices, o equipo por sorte puido ganar esta semana, xa que tivéramos un inicio moi complicado, e conseguir estes tres puntos danos ledicia e confianza para seguir traballando e crer no que estamos facendo.

Como está sendo a adaptación?
Está sendo boa. É certo que no verán fixo moita calor, pero non máis que en Murcia, así que estou acostumado. Iso si, tíñamos uns horarios un pouco estraños porque pola mañá empezábamos a adestrar ás 7.30 horas e logo pola tarde facíamolo a partir das 7 ou as 8. Tíñamos o día para descansar e cando facía menos claro era cando podíamos adestrar.

Foi titular nas catro primeiras xornadas, anotou un gol e deu outro. Contento co inicio?
Si, moi contento. Neste aspecto non me podo queixar. Foi unha pena non levar máis goles, porque tirei algunha ao pau e tiven algunha ocasión claro, pero o importante é que estou xogando, que non teño ningún problema físico e os goles seguro que acabarán chegando.

Hai unha boa colonia española no equipo. Iso fai todo máis sinxelo?
A verdade é que é unha auténtica pasada porque somos 11 xogadores españois e 5 arxentinos. Logo no corpo técnico hai outros 3 españois, así que nas viaxes escoitase música en español, no autobús tamén se fala en español e temos un tradutor para os gregos. É como se estivéramos en España e iso axuda.

E tamén ten un compañeiro galego, o canteirán céltico Borja Fernández.
Si, é un rapaz excepcional e teño unha gran relación con el. Facemos plan xuntos, vén comer á casa comigo e coa miña parella e andamos case sempre xuntos.

A nivel persoal, o principal obxectivo é acumular moitos minutos e partidos, máis que meter goles

Ter un técnico español [Borja Jiménez, ex do Rápido de Bouzas e do Mirandés] tamén lle axudou a tomar a decisión de marchar?
Si, loxicamente. A idea de fútbol é a que trouxo desde España e aquí ao principio custou bastante que entendera que podía ser a mellor forma de xogar para nós. Esa percepción dos afeccionados xa mellorou moito e está facendo un gran traballo.

Cal é o obxectivo do equipo?
É un obxectivo máis ambicioso que o do ano pasado, onde pasaran cousas estrañas e houbera malos resultados. A Superliga é de 14 equipos e logo da competición regular os 6 primeiros xogarán un play off polo título e por entrar en Europa, onde terán sitio 5 [2 irán á previa da Champions e 3 á Europa League]. Os 7 últimos loitarán por non descender e a nosa meta é poder xogar ese play off por estar en Europa.

E a nivel persoal?
Sumar moitos minutos porque, por sorte ou por desgraza, sendo moi novo tiven a oportunidade de xogar no Dépor e disputar case 100 partidos en Segunda. As lesións fixéronme estar apartado moito tempo dos terreos de xogo e valorar as cousas. Este ano decidín coa miña parella dar un salto a outro mercado, aínda que podería seguir en España e volver a Segunda, e non estou arrepentido porque estou moi contento.

Por que decide marchar a Grecia?
Xa facía moito tempo que me chamaran para vir, pero estivemos esperando que outras opcións podían aparecer. Tiven chamadas doutros países, pero a insistencia do Asteras e ter un adestrador español foron condicionantes que fixeron decantarnos por Grecia.

Considérao un reto importante?
Si, é un reto porque estamos falando da primeira división dun país, na que todo o mundo está pendente da categoría. É fútbol profesional e ilusióname poder demostrar o meu nivel, se as lesións mo permiten. Cumpro 26 anos e é un xeito de empezar de cero na alta competición.

O dianteiro burelés Luis Fernández celebrando un gol diante do AEK de Atenas. AMAQue lle está parecendo a Superliga?
Hai que darse conta de que o maior nivel futbolístico está en España, así que o fútbol grego é inferior, pero é unha liga que lle permite aos xogadores españois de Segunda ou 2ªB chegar a mercados máis potentes economicamente e nos que se senten máis valorados que nesas categorías en España. Logo xogamos contra equipos moi potentes como o Olympiakos, o AEK de Atenas ou o Paok de Salónica, rivais que compiten en Europa ou quedaron ás portas. O que si hai é moita diferenza entre os equipos grandes e o resto, moita máis que da que existe en España entre Madrid, Barça e os demais.

É fácil adaptarse a ese fútbol ou é moi diferente ao español?
É moi físico, pero nós ao ter un adestrador español témolo máis fácil porque quere que combinemos e xoguemos ben ao fútbol. Iso faite sentir máis cómodo, pero sempre hai que competir e adaptarse porque nos imos encontrar con equipos cun fútbol moi diferente ao que practicamos nós.

Di que manexou ofertas da Segunda española. Por que non decidiu volver a esa categoría?
Si, houbo algunha, pero xa tiña 100 partidos en Segunda con moi poucos anos e quería disfrutar dunha experiencia nova, abrir a porta doutro mercado e demostrar noutro mercado que podo estar a un nivel alto.

O bo momento actual compensa os malos que viviu?
Aínda necesito moitos máis momentos bos para compensar todos os malos polos que pasei, pero cando podes xogar e adestrar todos os días disfrútase moito. Esperemos que con todo o traballo de prevención que estou facendo poida sumar moitos partidos e moitos minutos, que é a miña principal ilusión, máis que meter goles ou outra cousa.

A meta do equipo é loitar por entrar no play off polo título e por entrar en Europa

Pensou en abandonar o fútbol nalgunha ocasión?
Algunha vez si que o pensas, pero realmente, aínda estando lesionado, eres un afortunado, porque vexo aos meus amigos e á xente da miña idade que ten que traballar moitas horas e ten unha remuneración moi pequena. Un sempre quere máis e as lesións son fastidiadas de levar, pero sempre hai que loitar polos teus soños e o meu sempre foi ser futbolista. Cumprino e agora estiven fóra do fútbol profesional e conseguín volver estar dentro, así que é importante non deixar de pelexar nunca e ter ilusión co que pode vir por diante.

Como está vendo esta campaña ao Deportivo e ao Lugo, dous dos seus ex equipos?
Do Lugo esta temporada aínda non puiden ver ningún partido e do Dépor vin dous. O Dépor estao pasando moi mal e a Segunda é moi complicada porque hoxe podes perder tres partidos seguidos e logo ganar outros tantos. Teñen moita presión, a dun equipo campión, pero hai que ser consciente de que economicamente xa non está tan forte como outros equipos da categoría. Ti comparas o seu presuposto co do Girona e non tería nada que facer, aínda que o presuposto son datos e logo a diferenza fana os xogadores e os corpos técnicos.

Como recoñicido deportivista, preocúpalle a situación dos coruñeses?
Home, claro. Alegraríame que o Depór estivese sempre en Primeira e que nos fixera soñar a todos como cando éramos pequenos. A miña familia era toda do Madrid ou do Barça e eu fíxenme do Dépor porque me encandilou aquela época e vivía como un soño poder xogar alí. É difícil de entender a situación actual e é complicado que regresen aqueles tempos, pero tamén ten unha afección brutal e agora toca arrimar todos o ombreiro e intentar volver ao sitio no que estivo o club. Que vai ser un camiño difícil? Obviamente, pero con traballo e ilusión todo se pode conseguir.

Ve opcións de regresar no futuro a Dépor ou Lugo?
Nunca se sabe o que pode pasar, pero agora mesmo non penso niso. Saín fóra de España para buscar outra alternativa e non teño pensado volver a curto prazo, pero quen sabe que pode pasar no futuro.

Xa tivo tempo de facer turismo. Que lle está parecendo Grecia?
Pois si, fun a Santorini no parón de seleccións e encantoume. Estou coa miña parella e na medida do que se poida queremos disfrutar un pouco desta nova experiencia e coñecer este país e a súa cultura. Foi outra das cousas que me impulsou a dar o paso. Non tiña ningunha carga que me atara a España e non había motivo para non saír e buscar este novo reto.

Como se vive en Trípoli, nun pobo no centro do Peloponeso?
Aínda que non é moi grande, porque terá uns 35.000 habitantes, para min está moi ben porque vivo no centro e teño todo o que necesito. A media hora temos as praias, a 35 minutos unha estación de esquí bastante importante e a pouco máis de hora e media por autovía está Atenas. Pódese dicir que en Trípoli non temos nada, pero ao mesmo témolo todo moi preto.

Comentarios