Lucía Martiz: "O que escoitas na casa é igual que o que se escoita cando dou un concerto"

Hai uns días que se pode escoitar o seu primeiro sinxelo nas plataformas musicais ou mesmo en Youtube. Mais ela ten unha extensísima vida musical detrás, que arrancou con trece anos en Foz
Lucía Martiz. EP
photo_camera Lucía Martiz. EP

DESDE A pasada fin de semana as principais plataformas de música en streaming recollen o primeiro sinxelo de Lucía Martiz, O infante, primeiro da súa nova etapa musical, o proxecto Nordés, no que cultiva moito os fados e a música tradicional de moitos lugares que en ocasións ela mesma se ocupou de recoller ou cando menos estudar porque vivíu en África ou Perú facendo voluntariado. Pero esta veciña de San Cosme de Barreiros xa tiña unha longa traxectoria como cantante, tamén de orquestra, coa que rachou para facer o que lle gusta: música pausada e con sentimento da que di estar moi orgullosa.

Por que elixíu O infante como o seu primeiro sinxelo?

Paréceme unha canción preciosa, fermosísima. É un poema de Fernando Pessoa ó que lle puxo a melodía Dulce Pontes. Fala do nacemento da Terra, da súa creación, e cadra moito co que eu quero facer agora: cousas que signifiquen algo, nas que se conte algo.

Para iso é ideal a música do fado que tanto lle gusta. 

Claro! O fado é puro sentimento. Para cantar fados tes que sentilos dentro para logo poder transmitirllos á xente. A primeira canción que aprendín foi un fado que era a primeira canción que había nun cedé de Dulce Pontes que tiña na casa.

Vostede tivo un empezo na música bastante particular. 

Bueno, en realidade a min sempre me gustou cantar e sempre andaba cantando pola casa como facía miña avoa materna, pero nunca cantara en ningún lado, aínda que me dicían que debía facelo. Un día veu a Foz o programa da Galega Téquele Téquele e estaban a facer probas para gravar ó día seguinte. Viuno miña irmá e chamou á casa para que fose facer as probas. Era a unha da mañá. Pero alá fun, con trece anos. E xa me colleron deseguida e acabei cantando ‘Desátame’ de Mónica Naranjo. A raíz diso chamaron un montón de grupos e orquestras, pero eu era moi nova. Empecei a cantar con Lecer, porque son de Barreiros e así sempre podía vir dormir á casa. Protexíanme moito e portáronse moi ben comigo.

Tivo formación musical á marxe do que puido aprender así? 

Si, si. Fixen canto cun profesor de conservatorio, pero sen ir ó conservatorio, xa con dezanove ou vinte anos. 

Notou un cambio importante?

Moito, é fundamental. Digamos que é como se tiveras un don, ou algo que se che da ben como neste caso sería a voz, pero logo hai que traballar ese don. Hai que mellorala, curtila, aprender cando subir e cando baixar, traballar o ouvido, a respiración, a relaxación... Todo iso é moi importante para poder defenderte despois.

Pero iso foi hai tempo. Que foi facendo desde entón?

Tiven unha época na que fun a moitos concursos e programas coma Son de Estrelas. Ese estivo moi ben porque che poñían un profesor de canto para ti soa, que me aconseallaba na gala, tamén de baile, de interpretación... Pero non sempre era así. A verdade é que acabei cansa dese camiño. Xúlgate xente que non sei se está capacitada para facelo e ás veces nin sequera tratan ben á xente. Non son moi educados e non saben de que falan. Deixeino porque non me estaba facendo nada ben, e agora é totalmente distinto.

Como é este novo camiño que escolleu?

Traballo cunha representante que ten a miña mesma visión: cantar cousas con sentimento e de xeito tranquilo. Música tradicional pero feita con paixón. Compartimos a visión do que fago totalmente. O repertorio que levo está totalmente estudado, todo ten unha razón. Antes, as cancións escólloas e mándollas ó meu guitarrista, Mauricio, que as adapta á súa forma de tocar e facémolo así, de forma que o que escoitas na casa sexa exactamente igual ó que me escoitas no escenario.

Máis en A Mariña
Comentarios