O lucense Adrián Canoura, atrapado en Sudán está "ben, tranquilo e protexido"a

O golpe de estado do luns sorprendeu ao mariñán e ao grupo Baiuca na embaixada de España no país africano, onde se trasladaron horas antes para actuar nun festival
Adrián Canoura.NOVOS CINEMAS
photo_camera Adrián Canoura. NOVOS CINEMAS

O golpe de estado que sacudiu o pasado luns a capital de Sudán, Xartum, sorprendía na cidade ao cineasta mariñán Adrián Canoura, que acudiu ao país africano xunto ao artista catoirés Baiuca (Alejandro Guillán) e o resto de integrantes do grupo: o percusionista Xosé Lois Romeu, a cantareira Andrea Montero e o técnico de son Alfonso García. Todos eles atopábanse no momento do levantamento dos militares na embaixada de España, onde continuaban ao peche desta edición, "o lugar máis seguro no que poderían estar", asegura o representante de Baiuca, Alan Queipo.

"Adrián está ben, tranquilo e moi protexido. Están todos ben", dicía onte a nai do cineasta tras falar con el a través de videollamada de Whatsapp, despois de que se restablecesen momentaneamente as conexións vía internet. "As comunicacións van e veñen", engadía, pero aínda así o propio Canoura puido porse en contacto coa súa familia —igual que fixeron os seus compañeiros coas súas— para transmitirlles serenidade respecto da peculiar situación que viven.

"Díxonos que estaban ben atendidos e que estiveramos tranquilos e, de feito, estámolo. A única incerteza é saber cando poderán volver", aseguraba a proxenitora do realizador, con raíces en Xove e Burela, mentres recoñecía que a pesar de que na mañá do luns leu as noticias sobre o golpe de Sudán non lle deu maior importancia "ata que me chamou a moza do meu fillo e me contou ou que pasaba".

O equipo que forma Baiuca, no que Canoura encárgase do aspecto audiovisual, aterrou en Sudán o pasado domingo, horas antes de que se desatase o golpe, para participar no Sama Music Festival nunha actuación que estaba prevista para onte como colofón a case un mes de actividades. Tras a súa chegada, trasladáronse á residencia da embaixada, na que o grupo xa tiña previsto aloxarse durante a súa estancia no país, e finalmente espertáronse coas noticias que alertaban dun levantamento militar que truncaba o seu plan inicial de regresar este mércores.

"Xa vimos algún xesto positivo coa rolda de prensa do líder militar e ao reabrirse por momentos a conexión a internet, aínda que non a telefónica, polo que esperamos que antes de finais de semana poidan coller un avión e regresar", avanzou Alan Queipo, á vez que insistiu en que o lugar no que se atopa o grupo "está relativamente illado da zona de disturbios", ademais de estar protexidos "pola Policía Nacional".

"A información que dá o propio Sudán non é moita, pero a embaixada vainos informando de cada paso que se dá e nós mantivemos un diálogo directo coas autoridades españolas en todo momento", engade Alan Queipo, quen agradece a fluidez no contacto coas institucións e que puido falar a través dunha "chamada rápida" con Alejandro.

Outras formacións do continente europeo que formaban parte do cartel do festival hospedáronse en hoteis da cidade, polo que Queipo apunta a situación excepcional, para ben, de Baiuca e compañía, que permanecen na residencia da embaixada de España en Sudán á espera de que dean luz verde para volver a casa.

Exteriores aconsella non viaxar a Sudán
O Ministerio de Asuntos Exteriores lanzou este martes na súa páxina web a recomendación de non viaxar a Sudán nestes momentos debido á situación política actual que atravesa. E para os que xa se atopan no país, aconséllase que permanezan nas súas casas.

Por rexións
Desde o ministerio instan a non viaxar por determinadas zonas de Sudán: Darfur, as provincias de Kordofán do Sur e Nilo Azul, a rexión de Abiey e a metade meridional de Kordofán Occidental, así como evitar as zonas fronteirizas, en particular con Libia.

A UE condena o golpe
A Unión Europea condenou onte o golpe en Sudán que socava a transición democrática da nación: "A UE condena enerxicamente o golpe e a detención ilegal do primeiro ministro, varios ministros, líderes das Forzas da Liberdade e o Cambio e outros representantes da sociedade civil", indicou Josep Borrell.

Comentarios