Lourenzá e Xunqueira, puntos quentes para comprar lotería

A Faba de Ouro xa esgotou o 18065, o número que repartiu dous millóns de euros dun quinto premio do sorteo de Nadal en 2017 ► No bar A Curva, o día seguinte á riada vendéronse máis boletos que nunca ao ser un lugar afectado por unha desgraza natural

Iria y Luisa, en A Curva. J. ÁLVEZ (Xunqueira, lotería)
photo_camera Iria e Luisa, na Curva. J. ÁLVEZ

A Lotería de Nadal segue sendo unha tradición na España do século XXI. A tecnoloxía avanza e case se pode comprar calquera cousa a miles de quilómetros e en dous días recibilo en casa. Pero o tacto do décimo é especial. A excepción que confirma a regra, neste caso, é o que non xoga nada. Este 2018, na comarca mariñá, hai dous puntos quentes para comprar a sorte do 22 de decembro: Lourenzá e Xunqueira.

En Lourenzá porque o ano pasado repartiu un quinto premio e uns 2 millóns de euros. En Xunqueira porque, tamén a tradición di que nun lugar onde houbo unha desgraza, como a que ocorreu semanas atrás coa riada que levou a vida dunha persoa, toca.

"Nós estamos a vender a lume de biqueira porque ao dar un quinto premio o ano pasado ha animado á xente a comprar", di Gema López, empregada da Faba de Ouro, en Lourenzá, que xoga o número 20120 "que está moi demandado". O que se esgotou, xa en outubro, foi o 18065, que foi o que deu o premio en 2017.

TERMINACIÓS FAVORITAS. As terminacións que máis se venden nesta administración laurentina son as tradicionais, o 13 e o 69, e os números que acaban en 5 e 7. "Esas son as favoritas, as que che pide case todo o mundo", di a empregada, que recorda que tamén teñen encargos "de todas partes de España, do Sur, do Norte, de todos lados".

Gema López, empregada da Faba de Ouro: Nós estamos a vender a lume de biqueira, porque ao dar un 5º premio o ano pasado ha animado á xente a comprar

Nós xogamos o 20210 e está moi demandado; o que tocou o ano pasado, o 18065, está esgotado desde outubro

Ao que segue escapando a xente é ao décimo por máquina. "os que xogan prefiren o décimo físico, a non ser que queiran un número concreto que entón o miras na máquina a ver se o hai, pero a maioría prefire o boleto", advirte.

Xa antes de que tocase o quinto premio o ano pasado había moitos compradores fieis á Faba de Lourenzá, pero co tirón dese premio "aumentou moito máis a xente que quere un número co selo desta administración, aínda que o compren en bares da costa ou en Lugo, onde tamén vendemos lotería", comenta.

Outro caso paradoxal é o do bar A Curva, en Xunqueira, Viveiro. Tras a riada de fai un par de semanas, moitas persoas acudiron a este bar, que é o lugar de reunión deste barrio de Viveiro, para comprar lotería de Nadal. "Ao día seguinte da riada moitas persoas viñeron comprar lotería, porque entenden que onde hai unha desgraza vai tocar e oxalá sexa así", di Luisa Lamba, a propietaria deste local de hostalería. que recoñece que venderon moito máis que outros anos.

O teléfono non parou de soar neste bar. "Chamou moita xente por teléfono para reservar un número que xogamos todo o ano, que é o 48240", apunta hostaleira, que di que sobre todo contactou con eles xente de Galicia, pero tamén doutras partes de España.

Luisa Lamba, propietaria do bar A Curva: Ao día seguinte da riada a xente veu comprar lotería porque entenden que onde hai unha desgraza hai sorte

Chamou moita xente por teléfono para reservar o número que xogamos todo o ano, que é o 48240

Ademais dos que cren neste tipo de sorte, os veciños da zona, habituais deste bar, tamén compran, pero sen pensar en que a riada poida ou non traer sorte, senón, simplemente, porque o fixeron sempre.

VENDAS SUPERIORES. Outra das administracións que notou un incremento notable nas vendas con respecto ao ano pasado é Mondoñedo, onde Jesús Lombardía rexenta a administración número 1 da cidade episcopal. "Está a venderse máis que o ano pasado ou, máis ben, está a venderse antes, porque se tes unha cantidade de lotería dun número, que o vendas antes non significa que logo vendas máis", argumenta, e advirte. "Nós temos máis puntos de venda fóra de aquí, en bares e restaurantes, e case non queda lotería xa", comenta.

O número que se xoga nesta administración "desde fai 50 anos é o 15186. Normalmente adoitábase acabar como 10 días antes do sorteo, pero este ano acabóulleme nas San Lucas, dous meses antes, e iso é algo que nunca me pasou", advirte.

Coincide Lombardía con López en que as terminacións que máis pide a xente "son a 13, e os números terminados en 5 e 7, aínda que sobre todo foxe dos extremos, dos números moi baixos, moi altos, ou os que se repiten moitos números", sinala.

Tamén vende moito para fóra. "Antes de coller a túa chamada estaba a falar cunha persoa de Bilbao, pero chamaron de Barcelona, Madrid, País Vasco... Hai moita xente de Mondoñedo que vive fóra e que quere un número de aquí", conclúe Lombardía desde a súa administración en Mondoñedo.

Pasado
A influencia do Gordo que caeu en Vilalba


Vilalba foi o ano pasado un dos puntos craves do sorteo da Lotería de Nadal, xa que alí caeu o Gordo. "Eu creo que en Mondoñedo polo menos influíu que tocase alí o Gordo, que foi moito diñeiro, e todos os sitios próximos beneficiámonos", di Lombardía desde a cidade mindoniense.

Cambios de números
O que si fan case todas as administracións son cambios de números con outras de diferentes puntos do país. Por exemplo a de Viveiro intercambia con San Sebastián, Madrid ou Barcelona.

Comentarios