Lourenzá aposta pola faba

O Concello, apoiado pola Mancomunidade, retoma a ruta para potenciar o seu patrimonio ►Durante seis días en outubro os participantes descubrirán a gastronomía e natureza locais
Participantes, na presentación da Ruta da Faba. EP
photo_camera Participantes, na presentación da Ruta da Faba. EP

Os vindeiros 2, 3, 4, 10, 17 e 24 de outubro poderán coñecerse os principais atractivos do concello de Lourenzá a través da Ruta da Faba. Nas dúas primeiras xornadas a ruta poderá facerse en horario de tarde e nas catro seguintes desenvolverase de dez da mañá a seis da tarde.

Esta iniciativa foi presentada no Centro de Interpretación da Faba, onde a alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, explicou que a Ruta da Faba "é un proxecto que xurdiu no ano 2017 e que está dando os seus froitos porque á xente gústalle moito vir vivir esa experiencia". Tamén comentou que este ano a Festa da Faba será distinta, "marcada por desgraza polas circunstancias que nos están afectando polo covid".

O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Fran Cajoto, fixo fincapé na relación estreita entre Lourenzá e as fabas e subliñou que "grazas ao traballo de moita xente púxose no foco un produto de gran calidade, que sae de Santo Tomé, de San Xorxe ou de San Adriano, e que xa se estendeu ao resto da Mariña, co traballo de tantos agricultores". E engadiu: "temos que seguir revitalizando o sector primario e conectándoo cos grandes profesionais da hostalería que temos na Mariña".

O presidente da cooperativa Terras da Mariña, José Cuadrado, explicou que decidiron poñer en marcha a ruta de novo, despois duns meses de parón forzado polo covid, "aproveitando as datas de celebración da Festa da Faba, e ofrecela a todos aqueles visitantes, turistas e xente da comarca que a queiran coñecer. É unha ruta moi completa para poñer en valor todo o noso patrimonio artístico, cultural, paisaxístico, natural e gastronómico". Engadiu que a xente que participa leva unha idea do traballo que hai detrás da faba "e dáselle visibilidade aos agricultores, que grazas a eles conseguimos este produto de gran calidade".

GRANDES VISTAS. José Cuadrado salientou que nesta ocasión hai dúas novidades nesta ruta porque algúns días "vaise facer en horario de tarde cunha cea espectacular no Pazo de Tovar, onde se poderá gozar, desde o alto da torre, do atardecer e da posta do sol mirando as plantacións do val. E ademais nesta ocasión vai haber a posibilidade de facer a ruta en bugui ou en coches particulares".

O apartado gastronómico da ruta, coas degustacións da faba, levarase a cabo no restaurante Forno de Tovar e o responsable e cociñeiro do establecemento, Jorge López, explicou que o produto "é de dez e nesta época está no millor momento do ano porque podemos gozar dela tanto en fresco como en seco".

MENÚ ESPECIAL. En canto ao menú que fan di que "acompañamos sempre a faba de produtos autóctonos, de quilómetro 0 na medida do posible. Neste caso o primeiro prato será de fabas con porco celta e cogomelos; o segundo será de fabas con bacallau porque é un peixe que temos no seu punto óptimo durante todo o ano; e para rematar farémolas con galiña de Mos, que é unha das mellores razas de galiña e apostamos por ela porque sempre cumpre".

Para participar na Ruta da Faba as reservas poden facerse a través do teléfono 646.38.41.24 e do correo electrónico [email protected].

Comentarios