Localizan o cadáver da muller desaparecida en Fazouro hai 13 días

Foi achado por un veciño a 500 metros das casas de Lousada
La zona en la que apareció el cadáver de la vecina de Fazouro, acordonada. JM PALEO
photo_camera La zona en la que apareció el cadáver de la vecina de Fazouro, acordonada. JM PALEO

O corpo sen vida dunha muller foi localizado este sábado en Foz. Un veciño avisou ás forzas de seguridade do posible achado. O cadáver podería ser o da muller desaparecida desde hai varios días en Fazouro.

O alcalde, Fran Cajoto, confirmou  a aparición dun corpo sen vida nun monte non moi afastado do domicilio de Maruja C.R, de 69 anos de idade, quen faltaba desde o pasado día 3.

O corpo da sesaxenaria apareceu a 500 metros das casas de Lousada, na parroquia de Fazouro, na que residía co seu marido e filla. Todos os indicios apuntan a que podería tratarse de Maruja, aínda que falta a confirmación oficial.

O rexedor agradeceu neste "día triste" a colaboración dos veciños que levaron a cabo os labores de procura, así como o intenso traballo de cantos participaron o rastrexo: Garda Civil, Policía Local, Protección Civil, operarios municipais do servizo da auga, forestais, cazadores... “Grazas a todos aqueles que patearon o monte e as leiras facendo posible este achado”, indicou Cajoto. 

O rexedor envía condolencias a familiares e coñecidos da falecida por este final non desexado.

Unha procura intensa
Desde o domingo 3 de outubro non había noticias de Maruja a pesar da intensa procura que se levou a cabo desde entón para dar co seu paradoiro. A muller, de 69 anos e enferma de alzhéimer, saíu do seu domicilio de Fazouro esa tarde e xa non regresou.

A muller dirixiuse, como outras tantas veces, á capela de Lousada nun percorrido que era habitual en Maruja, que adoitaba chegar ata a zona e regresar sen problema, aínda que parece ser que ese domingo se desviou do camiño de regreso, pois parte da roupa que levaba posta apareceu noutra pista, na que se lle perdeu o rastro.