O local do xulgado de paz ribadense enfronta a nacionalistas e populares

O BNG solicita as instalacións xa acondicionadas e o PP un lugar adecuado para o servizo
undefined
photo_camera Humidades denunciadas no xulgado de paz de Ribadeo. ARQUIVO

As malas condicións do local que alberga o xulgado de paz de Ribadeo protagonizaron este mércores un dos debates entre nacionalistas e populares no Parlamento galego. Mentres os nacionalistas piden ao Goberno autonómico que poña a disposición do Concello de Ribadeo o local que foi acondicionado para albergar devandito xulgado, os populares requiren ao executivo local que facilite unha localización adecuada para albergar con carácter definitivo este servizo, así como que, en colaboración coa Xunta, realice as xestións oportunas para adecuar as dependencias provisionais para albergalo.

O deputado nacionalista Daniel Castro reclamou á Xunta que, "conforme ao acordado no seu día e sen demora", poña a disposición do Concello o local reformado para albergar temporalmente as dependencias do xulgado. Así, recordou que o "deplorable estado" das instalacións oficiais do xulgado levou ao Concello a realizar as xestións oportunas para o seu definitivo traslado a outro inmoble previamente rehabilitado, un proceso que, segundo subliñou "parecía áxil, a priori, case administrativo, pero que a lentitude do PP na Xunta e a ausencia dunha colaboración seria co goberno ribadense levaron a que hoxe se siga agardando que a situación se resolva".

Segundo Castro, tras oito meses de espera, o goberno local optou por unha "solución intermedia" pola que se comprometía a adquirir, previa rehabilitación e acondicionamento, o inmoble coñecido como a Casa da antiga Telefónica, mentres a Xunta se comprometía a adaptar un baixo propio, pertencente ao Instituto Galego de Vivenda e Solo, para albergar temporalmente o xulgado.

As malas condicións do local protagonizan un debate entre nacionalistas e populares no Parlamento galego

A pesar de que as obras de acondicionamento están xa realizadas, o baixo aínda non foi posto a disposición do Concello, polo que o nacionalista cuestionou "como é posible que cando levan máis dun ano rematadas as obras do "local ponte" continúen sen "poñer a disposición este local, facendo que os traballadores do xulgado sigan a traballar nun edificio con graves humidades, con goteiras, con desconchados nas paredes e con documentos empodrecendo, un local que non garante as condicións mínimas de salubridade".

Tras recordar que o propio Concello se ofreceu a trasladar o mobiliario e arquivos se a Xunta necesitaba este apoio, Castro insistiu na necesidade urxente de poder contar con estas instalacións "para que os seus traballadores e traballadoras, funcionarios autonómicos, poidan traballar nun lugar decente e se peche este episodio que se alongou xa moito máis do debido".

A resposta dos populares, que votaron en contra da iniciativa nacionalista, correu a cargo do deputado Alberto Pazos, que recordou que a lei vixente recolle que as instalacións e medios instrumentais dos xulgados de paz estarán a cargo do Concello respectivo e explicou que a Xunta "sempre actuou coa mellor disposición e total lealdade cando o Concello pediu colaboración para mellorar as instalacións".

Segun explica o popular, "a Xunta, aínda que non tiña a obriga de facelo, ofreceu un lugar provisional para albergar o xulgado de paz durante a reforma das instalacións que ocupa na actualidade, dependencias que están a disposición do Concello en canto o goberno facilite un espazo para o arquivo".

Máis en A Mariña
Comentarios