O lobo ten presenza na práctica totalidade da comarca

O último censo de poboación de Medio Ambiente tamén marca a existencia de mandas
Tres ejemplares adultos se dejaron ver en la zona de O Picato, en Riotorto. AMA
photo_camera Tres exemplares adultos deixáronse ver na zona do Picato, en Riotorto. AMA

A presenza do lobo na comarca é máis que evidente e así o confirma o último censo sobre a poboación deste animal que manexa a Consellería de Medio Ambiente e que se basea en traballos de campo elaborados en 2013 e 2014, ademais da revisión que se efectuou en varias zonas do norte de Lugo entre xullo e setembro de 2015. Destes estudos extráese que o 98% da provincia de Lugo conta coa presenza deste animal e que na comarca só estaría ausente dunha pequena franxa de territorio no municipio de Ribadeo.

"O lobo practicamente só está ausente nas áreas urbanas das cidades e as periferias das mesmas, así como algunhas áreas costeiras do norte da Coruña, Lugo e Pontevedra", explica textualmente o documento da consellería, que conclúe que "a presenza do lobo é xeralizada en todo o territorio galego".

Este documento tamén fai unha estimación das mandas reprodutoras no territorio galego, algunhas das cales se comparten con territorios fronteirizos de Portugal, Asturias e Castela e León. En base a este censo están identificadas 90 mandas en toda a comunidade, das cales seis terían incidencia na comarca. Así, unha localizaríase entre os municipios de Ourol e Mañón, xa na Coruña. Outras tres terían territorio entre os municipios do Valadouro, Alfoz e Abadín e outras dúas afectarían as zonas próximas a Meira dos municipios da Pontenova e Riotorto.

Outra das conclusións deste estudo é que as poboacións de lobo "en termos xerais" mantense en Galicia nos últimos quince anos.

ATAQUES

Esta presenza de lobos na maior parte do territorio implica irremediablemente unha convivencia destes animais co ser humano, que non está carente de conflitos que veñen marcados polos ataques do depredador a animais domésticos. Segundo os últimos datos que contempla Medio Ambiente, que son do ano 2017, na provincia de Lugo rexistráronse 1.093 ataques: 486 a ovellas, 329 a vacas, 209 a cabalos e 69 a cabras.

Na comarca, os últimos ataques rexistrados foron en Celeiro, onde un veciño sufriu a perda de gran parte da súa cabana de ovellas en prados preto das vivendas; en Xove, na parroquia da Rigueira; na parroquia ourolesa de Xerdiz; e no Valadouro nos montes do Cadramón. En todos estes lugares prodúcense ataques cada certo tempo. Máis insólita foi a aparición dun exemplar atropelado na N-642 ao seu paso por Cervo.

Os ataques próximos ás vivendas é o que máis preocupa aos veciños das zonas afectadas. Aseguran que o animal cada vez achégase máis ás casas e que incluso se deixa ver a plena luz de día, sobre todo a primeiras horas da mañá.

Comentarios