O lobo mata catro ovellas nunha explotación de Xove

Outras seis están feridas e o dono non ve viable seguir coa actividade
2019082114171962402
photo_camera Unha das ovellas atacadas. AMA

Os ataques do lobo continúan sucedéndose en diferentes puntos da comarca mariñá, aínda que nas últimas semanas máis centrados na zona occidental. Nesta ocasión tocoulle sufrilo a unha explotación situada en A Rigueira, no municipio de Xove. Trátase dunha granxa denominada A Lamela e o seu dono viu como o lobo matou na noite do luns ao martes a un total de catro animais.

Non foron os únicos estragos que causou, xa que outras seis ou sete ovellas quedaron feridas e o dono dos animais, Fernando García, dá por feito que estas ovellas van falecer tamén e incluso cre que algunha máis non sairá adiante porque todas quedaron moi afectadas e agora acusan a tensión do ataque. Trátase dunha situación típica nestes animais tras un ataque de lobos.

García utiliza a súa explotación ovina da Lamela para consumo propio e para que os animais manteñan a súa leira en bo estado. Lamentábase o martes do sucedido porque dá por feito que non poderá seguir producindo nin traballando cos animais porque non existen compensacións ben planificadas para este tipo de situacións.

Xusto mentres esperaba a visita do veterinario comentaba que "apenas che dan axudas para cando che pasa isto". "Os lobos agora están totalmente protexidos e resulta que os que quedamos desprotexidos somos os gandeiros e o lobo ben se ve que está indo cada vez máis cerca das casas. Aínda hai pouco tempo que se meteu ata Celeiro, entre as casas, e agora polo que se ve están achegándose máis cara esta zona, e tocoume a min", afirmaba.

SUBVENCIÓNS. Polo momento non ten claro canto lle vai a abonar a Administración polos seus animais "pero será unha cantidade moi pequena que nunca che cubre o que valen en realidade e tampouco serve para que poidas volver a montar a gandería como a tiñas. Eso xa o dou por feito, porque ademais o que che pagan acabas cobrándoo dentro de ano e medio máis ou menos, e iso se ao final cobras, que xa veremos".

No seu caso recorda que o anterior ataque nesta zona foi haberá uns nove anos, pero cada vez se atreven máis. "Eu véxoos desde a ventá da miña habitación. Chegan ata aquí, e agora as ovellas colleron medo e están moi afectadas".

Fernando García comentaba que precisamente o martes os animais xa non querían entrar no cortello que utilizan habitualmente e resultáballe imposible que se recollesen alí.

O gandeiro apunta que "seguramente na parte alta o lobo xa non ten tanto que comer e por iso baixan ata aquí, pero habería que solucionar esto porque no meu caso había algunhas ovellas que estaban preñadas que non sei se me van a ter en conta. Está todo pensado para o lobo".

FUTURO. Aínda que a súa explotación tiña 26 animais non ten claro que siga en funcionamento polo estado das ovellas "porque todas colleron moito medo". Ademais nin queren ir á corte nin estar polo prado, que é onde terían que estar nesta época do ano. "A ver se nos dan algunha solución", di.

Comentarios