O lobo ataca outra vez a explotación de Ourol que suma reses mortas

Ocorreu de noite nunha leira pechada a 50 metros das casas en Vilachá, na parroquia de Xerdiz, onde devorou vacas e tenreiros
2020070911472864664
photo_camera Poldro atacado en Ourol. AMA

Un novo ataque de lobo foi denunciado por José López Arnejo, que perdeu na noite do martes unha poldra que estaba a cincuenta metros das casas de Vilachá, nun cercado da parroquia de Xerdiz (Ourol).

Este gandeiro, que avisou aos servizos de Medio Ambiente do novo suceso, quéixase do gran número de baixas que van sumando na súa explotación debido ao ataque do lobo pois, segundo sinala, xa antes perdera unha vaca, tenreiros e seis poldros máis. "Calculo que levo perdidos uns cinco poldros ao pé da casa e no monte tamén botei en falta sete ou oito", lamenta o propietario ourolés.

Ademais de en Ourol, recentemente rexistráronse perdas de reses, sobre todo ovellas, en cercados próximos a casas de Celeiro (Viveiro) e tamén no municipio de Xove. Cada vez son máis habituais este tipo de ataques, que minguan as cabanas de animais.

Néboa. Os densos bancos de néboa que dificultan a visibilidade e condicionan a seguridade dos usuarios obrigaron á Dirección Xeral de Tráfico a cortar o tráfico, en ambos os sentidos da circulación, a A-8 no Fiouco. A autovía cortouse pasadas as nove e cuarto da noite do martes e ao peche desta edición continuaba pechada. Como ven sendo habitual nestes casos, habilitáronse os correspondentes desvíos alternativos pola estrada N- 634 ao seu paso polo municipio de Mondoñedo.

Precisamente, a finais de xaneiro, o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) formalizou sete contratos de investigación e desenvolvemento para o deseño, implementación e experimentación con prototipos de tecnoloxía innovadora cos que buscar unha solución aos problemas que provoca a néboa nese tramo.

Comentarios