Francisco Blanco: "Levo cazados bastantes xabaríns e fallados máis"

Francisco Blanco Trobo, cazador e xerente da Armería Galega en Viveiro, repasa cal é a situación actual da caza e da pesca e como lle afectou a pandemia a estas actividades 
francisco blanco , dueño de una armeria en viveiro
photo_camera Francisco Blanco na tenda situada en Lodeiro. ÁLVEZ

Como afectou a pandemia na caza e na pesca?

No noso sector non o notamos, aínda mellorou, tanto a pesca como a caza. Penso que todos os deportes ao aire libre melloraron, é a miña impresión. O único que nos afecta é que están as casas sen produtos e moitas veces non vendemos porque non temos.

Que lles falta?

Non temos moito onde escoller en balas, falta moita arma, e no tema de pesca tamén hai pouco surtido. Pides unha cousa e ao mellor tardan seis meses en mandarcha. Bótanlle a culpa aos fabricantes, agora faise todo fóra, todo é de importación, o transporte marítimo din que está moi mal e encima subiu.

Prefire o campo ou a cidade?

Teño que vivir en Viveiro, pero vou todos os días ao campo, temos unha explotación de vacas en Cabanas. Agora quédanme 15 ou 16, que leva papadas varias o lobo.

Tamén se tira ás grandes?

En dous meses comeu tres xatos, unha vaca e dous cans de caza, o último comeumo diante dos pés, a 200 metros. Xa non é o valor do que che comen, senón a pena que che dá ver os animais destrozados. Ninguén fai caso, supoño que a alguén lle interesa que acaben co medio rural. Como ve o futuro da zona rural? Co lobo véxoo moi negro, xa non estaba moi claro, porque todo o do rural págase pouco e así a xente abandona.

Repercútenlle as limitacións á pesca deportiva nos peiraos?

Aquí había moita afección a pescar als luras no peirao cos nenos, iso notouse na venda de poteras, de peixes. Se non lles deixan ir pescar, non compran.

Medran os afeccionados?

Non, van a menos, sobre todo os da caza. Antes ías cos amigos todo o día ás perdices; agora son cuadrillas, igual botas o ano sen tirarlle a un xabarín e iso non crea afección nos rapaces.

Hai caza?

Caza menor case non hai, pero maior hai máis ca nunca, xabarín hai bastante, houbo moito corzo, pero agora coa enfermidade da mosca e o lobo, foi moito a menos. Cando empecei matabamos un xabarín e faciamos unha festa, este ano matas cen na temporada e xa non fas nada.

Abriron máis a súa captura.

O que abriron non é moi lóxico, o cazador de verdade non creo que tire a un raión nin ás femias. Hai outros métodos, abrir máis os cupos ou que deixen cazar noutras épocas, pero tirar a todo afeito parece un asasinato.

Leva cazados moitos?

Cazados bastantes e fallados moitos máis, non son un gran tirador pero pásoo ben.

Que pesou o meirande abatido?

O máis grande que axudei a matar foi un de 158 quilos, tamén cazei algún de 140, pero agora tan grandes xa non hai, pero si moita cantidade.

Provocan moitos accidentes.

Si, buscan a comida fácil que está cerca das casas e veñen os accidentes. O outro día pasei por aquí ás sete da mañá e había un diante da porta mirando para dentro, para estes desecados, non sei se viña armarse ou que... 

Comentarios