Josito Porto: "Quedei en branco e case finxo un desmaio"

O intérprete recala este sábado no Pastor Díaz de Viveiro ás 20.30 xunto a David Amor con Go Home, unha obra sobre a turismofobia desde a ollada do humor que non deixará a ninguén indiferente
Josito Porto. EMI RAMÍREZ
photo_camera Josito Porto. EMI RAMÍREZ

A Josito Porto (Vilagarcía, 1967) cóstalle conterse. Quizais por iso sae na conversación con toda a naturalidade que ten o coche no taller. Non é de extrañar, pois recorre toda Galicia a ritmo de música e moito teatro. Viveiro será a próxima parada dun dos rostros máis coñecidos da escena galega, como o inolvidable quiosqueiro de Pratos combinados ou como intérprete de Macbeth.

En Go Home fala da turismofobia desde o humor. Sendo de Vilagarcía, inspirouse en feitos reais?
Mira, son de Vilagarcía de Arousa e vivo en Ortoño, preto de Santiago. Que che vou dicir! Eu abogo polo turismo responsable, afastado desas hordas masivas de cantantes relixiosos que atopamos polas rúas de Compostela [ri].

G
Josito Porto e David Amor, nun momento de Go Home. EMI RAMÍREZ

Que ironía tendo en conta que comezou cantando no coro dunha parroquia...
Pero era un coro moi particular, cantabamos cancións de misa con instrumentación eléctrica. O certo é que foi unha escola tremenda, foi indo ao catecismo cando empecei a tomar máis en serio o tema da música e o teatro.

Tan en serio que lle diría ao seu pai que ía facer obras coma el, que era constructor. Como recorda ese momento?
Lembro que estabamos ceando e que se fixo un silencio na mesa. Os meus irmáns miraron para min como dicindo: "Este é parvo" [ri]. Pero despois vía as miñas funcións encantado e incluso se emocionaba.

Pisou moitos escenarios ao longo da súa traxectoria. Confese, ten algunha manía ou amuleto?
Nese sentido, son un tipo moi aburrido; non son de entrar a escena cun calcetín de cada cor [ri]. O único que fago é estar ao meu rollo e nos momentos previos, intentar autoanimarme.

Os nervios sempre pesan, aínda que cos anos van sendo distintos. Sempre hai ese medo que nos acompaña aos actores e actrices a quedar en branco, a desorientarse

Aínda lle pesan os nervios?
Sempre, aínda que cos anos van sendo distintos. Sempre hai ese medo que nos acompaña aos actores e actrices a quedarse en branco, a desorientarse. Pero ao final todo acaba saíndo. A maxia desta profesión é que nunca quedas en pelotas e, se o fas, que sexa porque queres. O resto queda nunha anécdota, aínda que se me poño a pensar...

A vostede pasoulle, non?
Si que recordo que unha vez deume un ataque de risa tremendo e tiven que saír do escenario. No momento supliquei que viñese unha invasión alieníxena e nos abducise a todos [ri]. Tamén estiven a piques de tirarme ao chan e finxir un desmaio un día que me quedei nun branco absoluto. Pero teño que ser cauteloso con iso, que estou entrando nunha idade perigosa.

Teña coidado, que ao mellor lle ocorre como a Pedro e o lobo...
Tes razón, a ver se me vai a dar un vaído e me van a deixar alí no escenario dicindo: "Que ben interpreta!".

Ninguén pensaría o contrario. Quizais moitos o recorden como o quiosqueiro de Pratos combinados. Seguen a recoñecelo cando vai pola rúa?
É incrible, e dígoo absolutamente alucinado. Pasoume o outro día na Pascua de Padrón. Estaba tomando unhas cervexas cando se me achegaron varias persoas a pedirme unha foto. E co cambiado que estou! Pero tamén recoñezo que me dá algo de apuro.

Por que?
E que eu son moi vergoñento. O normal é que me paren por algo da televisión. Cando me preguntan por algo do teatro si que se esperta a miña curiosidade. E xa cando me paran por algo relacionado co meu grupo de música, Factoría de Subsistencia, si que me converto eu nun pesado. Aí a timidez desaparece.

A música permítelle sacar ese lado máis persoal?
A música e a interpretación teñen moito que ver, poucas cousas hai que as fagan diferentes. O que pasa é que a parte musical permíteche xogar máis coas túas teimas. O teatro é máis guionizado, a improvisación déixoa para o grupo. Tamén axuda estar a gusto coa xente coa que traballas. Os que formamos parte de Factoría somos os que queremos estar xuntos. Podemos falar de todo o profesional, pero tamén das cousas máis putas da vida.

Nese sentido e falando de subsistencia. Coa súa profesión, costoulle subsistir nalgún momento?
Si. Quen queira adicarse ao marabilloso mundo da interpretación nas súas múltiples facetas ten que gustarlle moito e ter interese. Tamén tes que prepararte e que che gusten as dietas a base de espaguetes e de arroz [ri]. A sorte é que eu sempre tiven moi bo estómago e sería estúpido non recoñecer que son un afortunado. Nunca parei de traballar.

O proceso de ensaios para Go Home foi duro e intenso, tanto a nivel físico como psicolóxico. David Amor, o meu compañeiro na obra, fíxome as cousas moito máis sinxelas. É unha persoa tremendamente xenerosa"

Entón, a vida do artista é tan intensa como a pintan?
O certo é que os dous últimos meses estiven a tope. O proceso de ensaios para Go Home foi duro e intenso, tanto a nivel físico como psicolóxico. Chegaba á casa mallado. Pero David Amor, o meu compañeiro na obra, fíxome as cousas moito máis sinxelas. Ten unhas dotes dramáticas impresionantes e é unha persoa tremendamente xenerosa.

Cando puido descansar, que foi o primeiro que fixo?
O primeiro día libre que tiven tras os ensaios utiliceino para levar o coche ao taller. Levaba xa un tempo saltándome un chivato no salpicadeiro e ía deixándoo pasar, dábame pereza [ri]. Como vin que non desaparecía, fun a arranxalo correndo. E que con esta profesión paso o día metido na estrada.

Ten medo a que un día iso poida acabar?
Non o plantexo, non por prepotencia, senón porque creo que sempre se acaba tirando para adiante. Esto vai por etapas e hai épocas nas que nos parece que somos os máis necesarios enriba dun escenario. Temos a ilusión de que somos indispensables e os máis necesarios son outros.

Como quen?
Necesario é que haxa un panadeiro para ter un molete de pan, un fontaneiro que nos arranxe cousas na casa ou un albanel que pon un tellado para que non te molles. Iso si é necesario.

Comentarios