Jorge Mira pechou Adral en Viveiro coa "asombrosa" historia do sacerdote que descubriu o Big Bang

Georges Lemaître razoou a comezos do século XX que o universo partía dun punto, "un auténtico shock" para a época

20190409_Charla_jorge_mira_ JOSE M ALVEZ
photo_camera Jorge Mira, de pé no escenario do teatro Pastor Díaz de Viveiro. JOSÉ Mª ÁLVEZ

A presenza dun científico no programa de actos previos á Semana Santa de Viveiro non pasou desapercibida e a ponencia de clausura do catedrático de Física da USC Jorge Mira ‘A teoría do Big Bang, idea dun sacerdote’ levantou moita expectación. Nela contou "un dos capítulos máis asombrosos da historia da ciencia" protagonizado polo cura belga Georges Lemaître, que tamén era físico e que foi quen plantexou que o universo partía na súa orixe dun punto, toda "unha revolución" nas primeiras décadas do século pasado.

En conversa con este diario Jorge Mira explica que o XX, a pesar de ser "un século de moito desenvolvemento", nos seus primeiros anos "non se sabía case nada sobre o universo, en contra do que a xente poida pensar". Nesta época, di, "viña de crearse a teoría da relatividade de Einstein e cando ti resolves ecuacións desa teoría resulta que dá que o universo infla, algo que non entendeu nin o propio Einstein", pero que si fixo este sacerdote belga: "Comprendeu a teoría da relatividade mellor que Einstein e decatouse de que se o universo infla a medida que avanza cara o futuro, se un puidera volver ao pasado o universo sería máis cativo e así en 1930 propuxo a idea de que o universo saíra dun punto, que é a teoría do Big Bang".

A divulgación deste descubrimento "foi un auténtico shock para a época. A ciencia non estaba preparada para iso", sinala Mira, quen engade que a teoría tardou case catro décadas en consolidarse "ata que Stephen Hawking fixo os seus traballos en 1970".

Jorge Mira xa falara deste asunto noutros foros e comenta que a xente se sorprende moito en primeiro lugar por coñecer que a comezos do XX "a ciencia estaba moi avanzada en todos os eidos pero na astrofísica iba moi lenta, só se coñecían as distancias a cen estrelas, pensábase que a Vía Láctea era o universo... e veu unha revolución asombrosa coa teoría da relatividade e co descubrimento de que o universo ten unha idade finita, é un cambio brutal, unha proeza que sorprende á xente".

Ao público tamén lle chama a atención "que detrás desa proeza está un cura que daba misa en Bélxica e que era un científico de primeirísima categoría e con moita reputación polo seu talento".

ANUNCIO. Mira amosábase encantado de clausurar os actos previos dunha Semana Santa "de prestixio" nunha cidade que nunca visitara. "Viveiro é o recuncho da costa galega que me quedaba por ver", dicía o físico, que segue traballando en diferentes áreas e avanza que "nas próximas dúas semanas vai haber un anuncio científico importante, un resultado de impacto".

Doutra banda, dirixe o programa de visitas de premios Nobel a Galicia e di que o próximo mes recibirá a Ben Feringa, que obtivo a distinción en Química.

Comentarios