jueves. 22.10.2020 |
El tiempo
jueves. 22.10.2020
El tiempo

John A. Wcislo: "O do covid-19 terá que amañarse cunha vacina, non queda outra"

John A. Wcislo. X.LOMBARDERO
John A. Wcislo. X.LOMBARDERO
Debe ser dos poucos estadounidenses co seu rango que fala ben o galego. O apelido polaco deste capitán de fragata retirado do US Coast Guard remite a bisavós emigrados dende a Galitzia dos Cárpatos pero onde cambiou a súa vida foi na Galicia da Mariña, á que volve cada verán a desconectar. Esta vez o covid púxollo difícil pero veu

Aínda cun pouco de atraso e sen festas que celebrar, John A. Wcislo saltou dende Maryland ata Viveiro para relaxarse polo norte lugués, tomar uns viños no Boa Vista de Celeiro e visitar o que queda da base de Estaca de Bares, da que foi comandante no ano 1976. Daquela xa pertencía ao servizo de gardacostas americano —hoxe de veterano segue en activo no equipo de desenvolvemento e supervisión presupostaria do US Coast Guard— e acabou coñecendo e casando con María, chilindrina das que frecuentaban Seiramar e vían o mundo aberto. 

Como ve o planeta do covid-19? 
Bastante caótico. 

Custoulle vir de vacacións? 
Normalmente veño en xullo polo Santiago e marcho antes do Naseiro pero en setembro tamén se está ben aquí. Atrasei a viaxe pola pandemia, levaba só metido na casa dende o principio. A muller viñera en xaneiro axudarlle á irmá cuns papeis e polo confinamento xa non puido regresar á nosa residencia de Crofton, en Annápolis. 

Como superou estes meses? 
Teletraballando na casa, saíndo moi pouco. Apenas tiven tres reunións presenciais e, excepto para facer a compra no supermercado ou coller medicinas na farmacia, que chas traen ao coche, non saín. Paseinos con Netflix e Amazon Prime e con lecturas como Patria de Fernando Aramburu, que recomendo vivamente. Caéronme bágoas ao ler o que pasou algunha xente no País Vasco. Descríbeo con moita emoción e realidade. Agora aquí aproveitei para pasear por Viveiro e relaxarme. 

A chegada do coronavirus aos EE UU tamén foi traumática. 
Si, houbo días de shock que nos recordaron aos tres posteriores ao 11-S. En países como España tamén hai moita convivencia e iso expande a enfermidade. Recordo que alí todo cesou de repente. Sigo moito a liga universitaria de baloncesto pois o fillo dun amigo xoga nos Philadelphia 76ers e outro entrena o equipo dunha universidade católica que deberían comezar a competir en marzo pero se cancelou todo. NBA, liga de béisbol e a de fútbol americano… un mazazo á economía porque arrastra moito negocio, de hoteis, bares, restaurantes… 

A pandemia trouxo días de shock que nos recordaron as xornadas posteriores ao 11-S. Todo cesou de repente

Están como a nosa hostalería. 
Parece que van reanudar a liga de béisbol, dominada por xogadores dominicanos, e o fútbol americano ten de volta aos universitarios nos hot gaming pero o parón notouse. Un restaurante que frecuentamos, El Paladar, acaba de pechar logo de intentar subsistir con comida para as casas. 

É de bo dente, aproveitará aquí. 
Pois vimos do Filón, en Viveiro, e son moito de facer barbacoas, aínda queda algunha antes de irme. 

Sen ver á muller dende xaneiro, pensou que non podería vir? 
Pensei que ao mellor atopaba problemas e chamei antes ao Consulado español en Washington. Pola doble nacionalidade de María, só tiven que presentar en Barajas o libro de familia. Tiven que responder o cuestionario de saúde, similiar ao estadunidense, que non tiña síntomas nin contacto con enfermos de covid. Dás a dirección onde vas estar e recibes unha especie de bonoloto cun código de barras, e non hai problemas. 

Pouca xente viaxará agora... 
Sempre veño con Iberia e fun desde Baltimore coller o avión a Chicago. Viñamos 50 persoas nun Airbus con máis de 200 prazas. Chegamos con adianto, en 7,5 horas, e instaláronme en primeira clase. Iso si, agora a comida dancha toda selada, tipo cátering e incluso ao chegar de madrugada a Madrid atopei todo o dutty free pechado. Son cambios, excepto o das maletas que, coma tódolos anos, chego eu antes ca elas a Celeiro. 

Leva ben tantas horas de voo e turbulencias coa mascarilla? 
Só hai que poñela para levantarse da butaca e a comandante do avión fixo unha boa travesía. 

Amañarase isto do coronavirus? 
Terá que ser coa vacina, non hai outra, dada a facilidade de contaxio. Hai xente escéptica. Di que o sida segue sen ela logo de tantos anos pero a transmisión é máis difícil, en grupos concretos e pódese controlar cun cóctel de fármacos. O coronavirus precisa de vacina. 

Nos EE UU tamén pega moito. 
Depende con quen fales. Onde vivimos a xente cóidase e usa mascarilla. Agora a inquietude é polos colexios, supón un gran desafío pois xa resultou moi difícil compaxinar nas casas as leccións de primaria co teletraballo. Quen vai coidar e aprenderlles aos nenos? Teño un irmán maior que aínda prepara rapaces para a universidade e se puxo ao día comigo co do Zoom e coa informática para ensinarlles a Economía. Agora hai profesores que non queren volver ás aulas por medo aos nenos asintomáticos pero penso que son traballadores esenciais para a sociedade, igual cós sanitarios. 

Tamén pode informarse daquí coa web de El Progreso. 
Estou ao día. Antes da internet, recordo de buscar nos anos 80 La Región para ler daquí. Cando ía a Boston tíñana no Instituto Español de Nueva Inglaterra. Agora é máis doado estar informado.
 

"A base de Estaca debería quedar para un museo da costa galega"
A súa filla Jennifer traballa como asistente de conversación en inglés. Estivo en La Rioja e agora virá para Galicia, onde John aínda conserva moitos vínculos. 

Volveu este ano pola Estaca? 
Si, e atopamos na base varios rapaces e mozas nun coche. Conteilles a historia, mirábanme coma un fósil, non crían que estivera alí de comandante nos anos 70 e expliquéilles onde estaba a miña habitación e o que facíamos co sistema de comunicacións e posicionamento Loran. Interesoulles. 

A US Coast Guard LOTARS segue abandonada no cabo. 
Agora creo que pertence ó Concello de Mañón. Gustaríame que a rehabilitaran como museo da costa galega, cun enfoque sobre os sinais marítimos e restos dos naufraxios. Adicada á vida marítima galega pois ten situación privilexiada. Necesitaría unha organización e docencia para facer aquelo atractivo. Quedaría satisfeito cunha plaquiña en recordo dos que servimos alí. 

Volve logo a Maryland, e con California a chamusco cos incendios. 
Gran problema alí co lume. Non se permite limpar os bosques, todo ten que estar virxe e iso aviva os incendios. Habería que xestionar áreas forestais pero a xente marcha de California. Abandona.

John A. Wcislo: "O do covid-19 terá que amañarse cunha vacina, non...
comentarios