Jesús Novo: "A nosa ilusión foi sempre poñer O Vicedo no mapa turístico e estámolo conseguindo"

A posta en valor do Fuciño do Porco, que atrae milleiros de visitantes, e a creación da Romaxe Viquinga son dous feitos destacados para o alcalde do Vicedo, Jesús Novo

Jesús Novo, no porto do Vicedo. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Jesús Novo, no porto do Vicedo. JOSÉ Mª ÁLVEZ

O popular Jesús Novo fai un balance positivo dos seus últimos anos á fronte do goberno municipal do Vicedo. De cara ao futuro, asegura que lle gustaría continuar coas prospeccións arqueolóxicas no xacemento dos Moutillós e poñer á vista parte do escavado para darlle un aproveitamento turístico.

Ve os obxectivos cumpridos a piques de rematar este mandato?

Desde que empecei no goberno a miña ilusión sempre foi poñer O Vicedo no mapa e que fose por temas turísticos. Neste senso hai un par de cousas coas que estamos moi satisfeitos: unha é a Romaxe Viquinga, que medra e mellora ano a ano, e outro é o Fuciño do Porco, o que non é ningún descubrimento nin do grupo do goberno nin do alcalde, pero estamos intentando darlle a promoción necesaria. Este ano sacamos un novo vídeo promocional do concello onde se incide especialmente nestes dous atractivos.

Preparan xa a cuarta edición da romaxe para o verán?

Si, xa temos as primeiras reunións e presentaremos algunhas novidades. A terceira edición foi moi boa, houbo moitas máis actividades e estou escoitando moi bos comentarios. Incluso hai quen pide que se amplíe un día máis, pero de momento non barallo iso porque quero evitar que se convirta nun botellón, dende o momento en que a xente se empeza a quedar alí a durmir en tendas.

A romaxe naceu a partir do xacemento dos Moutillós, no que se investiga a súa posible relación cun asentamento normando. Hai algunha novidade neste asunto?

Este ano posiblemente non poderemos facer novas prospeccións arqueolóxicas por un tema de Intervención, pero queremos seguir escavando porque en cada actuación foron saíndo cousas novas. Este verán pasado apareceron uns temas moi interesantes e viuse que nos Moutillós se xuntaron moitas épocas, supostamente tivo que haber inicialmente un castro que foi o que puideron aproveitar os viquingos e que ademais é un castro moi peculiar. Apareceu un fogar, onde facían o lume, moedas... Agora a miña próxima idea é sacarlle rendemento a estas prospeccións arqueolóxicas.

Agora a miña próxima idea é sacarlles rendemento ás prospeccións arqueolóxicas no xacemento

Como o faría?

Ao ver o foxo aberto e o fogar que apareceu alí ocorréuseme a posibilidade de poder deixalo á vista protexido cun metacrilato e poñer uns paneis explicativos para que a xente puidera ver algo máis, para sacarlle algún aproveitamento turístico ao traballo que se fixo, coa autorización de Patrimonio. Actualmente a prospección volveuse tapar e hai unha sinal que indica aos Moutillós, pero ao chegar alí pode defraudar un pouco non ver nada máis.

Notaron un incremento dos visitantes co interese por este xacemento e polo Fuciño do Porco?

Si. O Vicedo no verán sempre foi turístico e tivo xente, pero cando máis o notamos é en fins de semana doutras épocas, incluso en decembro houbo días de ao mellor cen persoas alí, cando é unha época na que non viña ninguén. Os negocios da contorna tamén o notaron e iso é importante.

Para cando a apertura do centro de día?

A empresa leva xa cinco prórrogas pero para finais de abril ten que entregar a obra, que está finalizada á falta duns retoques. Agora retomarei as conversas con Política Social para ver como podemos facer coa xestión, pero penso que o máis indicado vai ser adxudicarllo a unha entidade porque nós como Concello non podemos asumir o custo e querémolo poñer a funcionar si ou si.

Á parte desta obra, cales foron as actuacións máis relevantes?

En 2018 fixemos investimentos de 810.469 euros, cando no 2015 foran de 262.376, houbo un incremento importante nos últimos anos. Tamén recuperamos a escola unitaria de Cabanas, fixemos o inventario de camiños, pavimentacións en accesos de todas as parroquias e actuacións de aforro enerxético, algo do que presumo porque logramos reducir o gasto.

Que lle queda pendente?

O que máis me preocupa a día de hoxe é a rexeneración da praia urbana de Fomento. O proxecto estivo parado tres anos no caixón do ministerio e queremos recuperala aínda que sabemos que é difícil, pois é unha praia con moito fango e que cría unhas algas que dan imaxe de abandono e que non as permiten limpar ata que están mortas de todo. Queremos eliminar uns galpóns, facer uns accesos á praia e recuperar o contorno.

Leva de alcalde dende o 2001 e goberna con maioría absoluta. Que o leva a continuar?

Anímame poder rematar os proxectos pendentes e a evolución destes novos que foron xurdindo, porque hai catro anos ninguén me falaba do Fuciño do Porco nin da Romaxe Viquinga. Tamén me anima moito, loxicamente, o apoio da xente e poder ir compracendo aos veciños no que se pode.

Anímame poder rematar os proxectos pendentes e a evolución destes novos que foron xurdindo

Como cambiou o traballo municipal nestes 18 anos de alcalde?

A situación cambiou moitísimo dende 2001, hoxe hai unha burocracia enorme e non me importa enfadar a ninguén por dicilo. Non podemos estar pendentes dun informe sectorial para tapar un bache ou asfaltar un tramo de estrada noso. Volvémonos tolos con estes informes, que nalgúns casos tardan e caducan as subvencións ou hai que destinalas a outras obras e renunciar a aquelas que crías máis importantes. Antes comprometíaste cun veciño a facer unha obra e agora xa non podes porque non depende de ti.

Ten lista a candidatura?

Máis ou menos si. Sempre fago igual, conto cos que estamos e vai haber poucos cambios, ao mellor dúas ou tres incorporacións.

Seguen sendo a pesca e a caza as súas grandes paixóns?

Cada vez vou abandonando máis a caza e teño a pesca máis arraigada, sobre todo a do bonito. A pesca non é só o momento de ir no barco, paso moitas horas traballando no soto da casa, preparando os aparellos, e é unha satisfacción cumprida cando ves que a carnada que preparaches dá resultado.

O municipio lucense con mar menos poboado
Malia a ser un municipio costeiro O Vicedo ten escasa actividade empresarial e adoece do despoboamento, de feito é o municipio con mar menos poboado dos da comarca da Mariña. Conta segundo as estatísticas oficiais con 1.723 habitantes —879 son mulleres e 844, homes—, cando hai dez anos superaba os dous mil.

O Fuciño do Porco é só un exemplo da xeografía privilexiada do Vicedo, cunha das rías de maior beleza natural, praias case virxinais e rutas de sendeirismo que permiten comprobalo por un mesmo.

Un dato curioso é que o Concello se atopa con dificultades para contratar no verán, tanto para a limpeza de praias, que agora executan de forma mecánica, como para os postos de socorristas necesarios para manter as bandeiras azuis que tiñan as praias de Xilloi e Abrela. Este ano deberán contar con sete efectivos ou renunciar de novo a unha delas.

Máis en A Mariña
Comentarios