Javi Chinchón: "Capeo mellor un cliente pesado que un bo dianteiro"

Leva case toda a súa vida entre o fútbol e a hostalaría. Agora deixou o primeiro despois de 22 anos

Javi Chinchón, no Muelle Bar, sempre preto do balón. J.Mª.ÁLVEZ
photo_camera Javi Chinchón, no Muelle Bar, sempre preto do balón. J.Mª.ÁLVEZ

O Muelle Bar é o espazo onde Javi Chinchón pasa cada día do verán unha morea de horas, cambiando a camisola do CD Foz polo mandilón e o abridor. Este é un verán especial porque deixou de xogar ao fútbol despois de 22 anos, con principio e peche no Foz e paso polo Lugo xuvenil, San Ciprián, Burela, Viveiro, Cervo e Lourenzá.

É para vostede o Muelle Bar máis que un negocio de hostalaría?
Pois o certo é que si. É verdade que dá traballo e que nos dous meses do verán estou moi liado, pero gústame esta actividade. Ver que funciona ben, que case sempre hai moita xente e que os clientes están satisfeitos supón unha enorme felicidade.

Sempre se lle ve de bo humor detrás da barra, como o consegue?
Teño días malos, coma todo o mundo, pero trato de que sexan os menos posibles e que tampouco se me note demasiado, pero ás veces cústame (risas).

Aféctanlle os problemas que existen para atopar xente para traballar na hostalaría?
Afectou tanto que deixei de levar a cabo algunha iniciativa precisamente pola falta de xente, creo que é un problema xeralizado en bastantes sectores.

Aínda así mantén os Xoves Cálidos, unha iniciativa que o ‘peta’ cada verán.
A verdade é que ter tanto éxito foi algo que nos sorprendeu un pouco. Vén xente de toda A Mariña, non só de Foz, e parece que estamos na boa onda, como din os surfistas. Considero que hai que aproveitala, porque logo cambian as cousas.

A aposta polos Xoves Cálidos foi algo que me gustaría como cliente e estamos na boa onda, como diría un surfeiro

Como se lle ocorreu a idea?
Pois pensei que a música ao aire libre é uhha das cousas que máis me gustan como cliente e parece que hai moita xente que opina algo semellante. Vexo que lle dá moita importancia á música. Dende logo. De feito, os domingos sempre temos polas 9 da noite unha actuación en directo para pechar a fin de semana.

Deixemos o bar, ou relacionémolo co fútbol. Despois de 22 anos xogando por toda A Mariña, virán moitos amigos polo Muelle Bar dos equipos polos que pasou.
Pois a verdade é que si. Máis que recordos do fútbol, o que me quedan son moitos amigos e por aquí pasan ben deles. A xente que un vai coñecendo no fútbol é co que hai que quedarse. Podo dicir que en tódolos sitios nos que xoguei deixei amigos e iso é algo que me enche de ledicia.

Empezou e acabou no Foz. Foi algo premeditado o de pechar a súa carreira no Martínez Otero?
Si, era algo que tiña claro. Despois de estar no Lourenzá, que foi a miña segunda casa, tardei un pouco en volver ao Foz. Tíñao pactado con Gayol, pero había un directivo co que non conxeniaba, pero en canto puiden voltei.

E tiña claro que o ía deixar este ano?
Xa pensaba deixalo o pasado, pero despois do ascenso había un ambiente fabuloso e decidín xogar unha tempada máis. Desta volta si que o tiña asumido.

Que leva mellor, aguantar a un cliente pesado ou frear un dianteiro de calidade?
Pois hai anos ao mellor contestaba outra cousa, pero agora, coa miña idade penso que capeo mellor un cliente pesado.

Comentarios