Jacobo Bermúdez asume "con moita ilusión" o cargo de edil de mocidade en Viveiro

Carmen Franco encargarase da delegación de servizos sociais que levaba a agora subdelegada do Goberno en Lugo Isabel Rodríguez

jacobo bermúdez
photo_camera Jacobo Bermúdez, ao prometer o seu cargo no pleno de Viveiro. JOSÉ Mª ÁLVEZ

O novo concelleiro do grupo de goberno viveirés, Jacobo Bermúdez Guerreiro, estréase nestes lides “con moita ilusión” e coa intención de "intentar facelo, a pesar de que é pouco tempo, da mellor maneira posible”, asegurou pouco antes do pleno deste mércores, no que prometeu o cargo. Toma a remuda no grupo socialista de Isabel Rodríguez, quen renunciara á acta de concelleira para tomar posesión como subdelegada do Goberno en Lugo.

No pouco máis de medio ano que queda de mandato Bermúdez asumirá a área de mocidade. “Cando a alcaldesa mo propuxo pareceume boa idea porque cremos que fai falta conectar algo máis coa xente nova e eu podía encaixar nese perfil”, di o novo edil, que destaca o labor realizado ata agora na área e avanza que continuará cos proxectos iniciados, á vez que valorará novas iniciativas enfocadas aos máis novos.

“Gustaríame poñer en coñecemento deste colectivo todas as axudas ás que pode optar, pois hai moitas das que ao mellor por descoñecemento non se beneficia”, avanza quen tamén será o representante do Concello no consello escolar do colexio Lois Tobío.

Jacobo Bermúdez é natural de Viveiro, ten 39 anos, está casado e ten dous fillos. Compatibilizará a súa responsabilidade de edil co seu cargo sindical como responsable da federación de industria de CC.OO. na comarca, un sindicato do que tamén é delegado na fábrica de Alcoa, onde traballa. “Non teño problema para compatibilizalo todo, buscando tamén o tempo para a familia, como non pode ser doutra maneira”, comenta o concelleiro, ao que o resto da corporación deu a benvida.
 

Cambios nas bancadas de todos os partidos
Ao longo do presente mandato houbo saídas e entradas de edís en todos os grupos da corporación de Viveiro. No PSOE antes que Jacobo Bermúdez por Isabel Rodríguez entrou Carmen Franco por Carlos Gueimunde, que deixou o grupo en 2016.
No mesmo ano no PP deixaba a acta Belinda Bermúdez, á que substituíu Cristina Goás, e en Son Viveiro a Víctor Marcial Miranda substituíao Marcos Besada, quen tamén renunciou en 2017 e entrou no seu sitio Luís Manuel García Otero.
Nos non adscritos —que iniciaron o mandato como BNG— foise Saray Branco o ano pasado e entrou Óscar Lara.

 

Comentarios