Xabarís provocan catro accidentes só en Barreiros a fin de semana

O venres houbo polo menos tres sinistros máis ao invadir estes animais diferentes vías
Los jabalíes son causa de numerosos accidentes en todo el país. AEP
photo_camera Un xabaril morto nun accidente. AEP

A problemática dos xabarís rexorde na comarca mariñá a conta dos accidentes de circulación que ocasionan, debido a que invaden as estradas de xeito repentino. Os sinistros repítense por toda a comarca, aínda que estes mamíferos teñen uns puntos de paso predilectos, que é onde causan o maior número de contratempos. Exemplares da especie provocaron nada menos que catro accidentes no concello de Barreiros durante a fin de semana pasado, en menos de día e medio.

O primeiro dos contratempos produciuse o sábado pola mañá, cara ás once e media, na estrada LU-P-6103, á altura do punto limpo do municipio. Outro par de sinistros motivados tamén pola irrupción de xabarís ocorreron na Autovía do Cantábrico (A-8), cara ás once da noite do sábado. Un deles sucedeu cando o vehículo afectado circulaba en dirección a Ribadeo, mentres que o outro ocorreu contra outro automóbil que ía en sentido Lourenzá e ocorreu á altura da área de descanso próxima á saída cara a Barreiros. En 2016 houbo un accidente mortal por esta causa na A-8 ao paso polo municipio ribadense.

A N-634 tamén foi escenario doutro sinistro deste tipo o domingo, cara ás sete e media da tarde á altura de San Pedro de Benquerencia. Afortunadamente en ningún dos catro casos houbo que lamentar vítimas persoais, xa que se saldaron unicamente con danos materiais, sobre todo na defensa dos vehículos involucrados.

Os condutores prexudicados por estes accidentes alertan da incidencia para que acudan os axentes da Garda Civil de Tráfico a rexistrar a correspondente denuncia, dado que é unha condición esixida polas compañías de seguros para asumir os danos orixinados nos vehículos por parte da fauna salvaxe ou de monte, unha cobertura da que cada vez dispoñen máis usuarios.

Tráfico xa tivera unha xornada de venres moi atareada ao requirirse a súa presenza para dar fe de varios sinistros en diferentes puntos da comarca. Este xornal xa deu conta de tres accidentes ocorridos na N-634, ao seu paso polo municipio de Mondoñedo, e doutro na LU-862, nas curvas de Ruño, á entrada do Vicedo.

MOITA POBOACIÓN. O incremento da poboación de xabarís e os seus desprazamentos para buscar alimentación, sobre todo por parte das femias que moitas veces van acompañadas das súas camadas, de cinco ou máis exemplares, está detrás dunha parte destes accidentes.

Os agricultores tamén se queixan periodicamente de danos en campos e hortos. Os animais morren en moitos casos a consecuencia do impacto contra os vehículos, aínda que noutras ocasións causan danos considerables e logran zafarse ou ben resultan feridos. Cando sucede isto último e aínda son recuperables son trasladados a un centro de recuperación, onde se encargan da súa curación e posterior solta no hábitat natural.

Comentarios