Os xabarís cébanse cunha leira pechada no centro de Vilaselán

Os animais chegaron ata a mesma porta do garaxe
Ramón Cancio muestra los destrozos del jabalí en su finca. P.V
photo_camera Ramón Cancio muestra los destrozos del jabalí en su finca. P.V

Ramón Cancio e a súa muller teñen unha boa leira no centro da parroquia ribadense de Vilaselán. Está perfectamente coidada a pesar de que el ten xa 92 anos e ela case oitenta. Agora enfróntanse a un inimigo que lla estraga co que non contaban: o xabaril.

Nas últimas semanas estes animais fixéronlles varias visitas sen ningún tipo de medo, chegando ata a mesma porta do garaxe e á zona na que comen ao aire libre cando o tempo llo permite. A última foi durante a ponte do Pilar e deixoulles a leira esnaquizada en varias zonas.

Ramón Cancio conta que nin tan sequera sabe por onde acceden á leira nin por que, xa que só levantan unhas zonas concretas de céspede: "Vese que alí hai algo que lles debe gustar porque fozan eses sitios e non outros".

Como está todo pechado "non sabemos como se meten. Cremos que hai dous sitios que poden ser, pero non o temos claro, pero é algo desesperante porque xa non sabes que facer. Plantas isto e cóidalo, nun sitio que está protexido e aparéceche esnaquizado".

Di que os animais adoitan presentarse en grupos xeralmente cara á posta de sol ou nas primeiras horas da noite, nunca de día. Non ten nin idea de onde poden vir nin, sobre todo, "como se atreven tanto. Unha vez a miña muller estaba na planta baixa e un chegou alí mesmo. Empezou a darlle palmas para que marchase, pero non se asustaron en ningún momento".

Chamaron ao Seprona "e foron moi amables, atendéronnos moi ben, pero claro, non hai moito que poidan facer. Dinnos de falar co couto, pero non sabemos que facer e isto desespera".

HABITUAL. Ramón Cancio asegura ademais que este problema que afrontan eles non é algo excepcional "porque está a pasar en toda esta zona de Vilaselán. Hai un veciño que viu pasando unha camada de sete por diante da súa casa". Engade que a outros tamén lles fixeron algunhas desfeitas e hai tempo que a outro veciño matáronlle un can.

Por iso anímanse a facer pública esta situación "para que a xente o diga e a ver se entre todos conseguimos que se faga algo, porque isto é un desastre e habería que buscarlle unha solución".

Comentarios