Investigan unha presunta agresión sexual a unha menor en San Cibrao

A vítima foi trasladada ao Hospital da Mariña para realizarlle unha revisión tras supostamente sufrir algún tipo de abuso por parte doutros menores
Vista de San Cibrao. ÁLVEZ (AEP)
photo_camera Vista de San Cibrao. ÁLVEZ (AEP)
A Garda Civil ten en marcha unha investigación para esclarecer unha presunta agresión sexual a unha menor, supostamente cometida tamén por outro menor de idade na localidade de San Cibrao, pertencente ao concello de Cervo, aínda que non se descarta a implicación dun segundo menor, posto que as indagacións policiais continúan abertas para tratar de esclarecer este caso. Os feitos, que provocaron a correspondente denuncia ante as autoridades competentes, producíronse ao redor das cinco e media da tarde deste mércores 28, momento en que un particular alertou a través da central de urxencias do 112 en Galicia solicitando a presenza das forzas de seguridade na zona de Lieiro, así como dos servizos sanitarios para que lle prestasen atención á suposta vítima.

Desde o 112 mobilizaron a Urxencias Médicas do 061, que desprazou á zona unha ambulancia de soporte vital básico co correspondente equipo médico. A vítima foi atendida no punto e desprazada ao Hospital da Mariña, emprazado na localidade de Burela, para realizar unha avaliación máis exhaustiva a fin de verificar se realmente existiu unha agresión sexual ou doutro tipo. A localidade cervense está especialmente sensible con este tipo de asuntos, xa que veciños alertaron a finais do ano pasado sobre o posible acoso dun home, ao que a Garda Civil detivo a finais de xaneiro por agresión sexual (coaccións con fins sexuais) e grooming (contacto con menores de 16 anos con fins supostamente sexuais), aínda que non garda relación con esta nova denuncia.

Comentarios