A morte dun can leva a Garda Civil a 22 cebos envelenados en Ribadeo

Investigado un veciño por un suposto delito contra a flora e a fauna, por depositar nunha parcela de Regueira 22 cebos de millo mesturados cun produto fitosanitario que supostamente causaron o falecemento do can e de varios corvos

photo_camera Substancia achada na leira. EP

A Garda Civil atribúe un suposto delito contra a flora e a fauna a un veciño do municipio de Ribadeo que depositou un preparado nunha parcela que causou a morte a varios animais polo que parece un envelenamento. O veciño, en calidade de investigado, foi posto a disposición xudicial.

Os feitos remóntanse ao pasado mes de abril, cando unha veciña da localidade sospeitou que a recente morte dun dos seus cans podería ter relación coa indixestión de cebos envelenados, algo que comunicou á Garda Civil.

Sucedía nas inmediacións da zona coñecida como A Regueira, onde a afectada solta os seus dous cánidos da correa para que corran libremente antes de regresar a casa. Ao cabo dunhas horas observou que un deles parecía enfermo e ao ver que empeoraba levouno a un centro veterinario ribadense, onde lle indicaron que presentaba síntomas de envelenamento e que estaba moi grave.

O animal faleceu horas máis tarde na clínica citada, motivo polo cal a muller informou sobre o sucedido á Garda Civil.

O instituto armado iniciou unha investigación inspeccionando a zona indicada pola veciña e tras varias xornadas de procura infrutuosa atopou os cebos colocados nunha parcela dunhas seis hectáreas de terreo. Eran 22 montóns de millo impregnados dalgún tipo de substancia líquida, á beira dos cales había anacos dunha substancia pastosa similar ao touciño de porco mesturada con grans de millo. Nas inmediacións atoparon ademais varios corvos falecidos, dous recentemente.

Os gardas recolleron mostras para a súa análise e contactaron co servizo de axentes de Medio Ambiente da Xunta para remitir as mostras ao laboratorio. Froito das pescudas identificaron o presunto autor, quen manifesta que fabricou os cebos macerando millo nun produto fitosanitario durante a noite para colocalos despois na leira.

Os axentes comunícanlle que a suposta inxestión dos cebos envelenados que el colocara causou presuntamente a morte dun can e de varias aves.

Os resultados das analíticas e necropsias practicadas acreditan a morte dos corvos por envelenamento. Atoparon restos do mesmo principio activo nos cebos e nos cadáveres dos animais, aínda que non ocorreu así no caso do can, onde as analíticas non revelaron a existencia de veleno algún, aínda que o veterinario que atendeu ao animal detectou síntomas inequívocos de envelenamento previos ao falecemento.