Investigado un trabadense polo furto de 8.000 euros en cadeas de autocargador

O propietario do material subtraído vive na mesma localidade e interpuxo a denuncia o luns

A Garda Civil con base na localidade pontenovesa imputou este martes pola mañá, en calidade de investigado, a un veciño de Trabada de 48 anos, como presunto autor dun delito de furto dunhas cadeas de tracción para un autocargador forestal, valoradas en 8.000 euros. O propietario do material subtraído vive na mesma localidade e interpuxo a denuncia o luns, 21.

O afectado polo furto sinala que el dispuña do material nunha leira do Monte da Trapa, en Trabada.

No momento no que interpuxo a denuncia, precisou que o roubo tivo que perpetrarse entre o 8 de decembro e o pasado luns, 21 de xaneiro, que foi cando se decatou da falta dunhas cadeas, que se colocan no autocargador para ter máis facilidade á hora de acceder a determinados montes e cargar madeira. A Garda Civil iniciou a investigación o luns e ao día seguinte xa tiña a un investigado por estes feitos.