A instalación da iluminación do Nadal comeza este mércores en Burela

O rexedor pide desculpas polo atraso na decoración e aclara que o Concello "para nada ten culpa" nas causas que o motivaron

Alfredo Llano. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Alfredo Chairo. JOSÉ Mª ÁLVEZ

O alcalde de Burela, Alfredo Llano, anunciou este martes que este mércores empeza a instalación da iluminación de Nadal nas rúas da localidade, despois do atraso acumulado posto que estaba previsto que as primeiras luces -en Arcadio Pardiñas e Eijo Garay- estivesen colocadas xa o pasado venres para dar inicio á campaña do Nadal.

"Estanse xerando preocupación e queixas por parte de moita xente con respecto ás luces do Nadal deste ano e quero aclarar que todo canto está acontecendo para nada é culpa do Concello", dixo.

"Temos falado cunha empresa solvente e quedamos en poñer o alumeado, aínda que non total, para o día da apertura da tempada do Nadal, o pasado día 7, pero por unhas razóns que son serias, que realmente xustificaron e eu entendín, non puideron facelo para ese día", asegurou Llano e detallou que o pasado venres se colocaron unhas guirnaldas de modo provisional en Eijo Garay, pero que a partir deste mércores comezarase a colocar a iluminación en Arcadio Pardiñas e posteriormente noutras rúas.

"Hai que aclarar a situación, que loxicamente creou certa desconfianza e receo na xente e pídolle que nos perdoe, pero debeuse a causas completamente alleas ao Concello", dixo Llano, quen confía en que a situación se reverta e que a iluminación sexa ao fin "motivo de orgullo e goce".

O rexedor insiste en sinalar que o Concello "para nada ten culpa" nas causas que o motivaron.

Tamén censurou ao PP polas críticas vertidas neste sentido "cando eles en catro anos non colocaron nada. Nós dabámonos conta cando eran esas circunstancias e tampouco andabamos criticando, nin xerando malestar entre a xente do pobo. Mellor estarían calados e botando unha man en todo isto no canto de estar a tratar de axitar cando non é necesario", sentenciou.

Comentarios