A depuradora de residuais de Viveiro, unha das elixidas xunto coa Edar de Lugo para un proxecto de seguimento do Covid-19 a través das augas residuais, iniciou a toma de mostras que permitirá rastrexar a presenza do coronavirus e así previr calquera posible rebrote.
A iniciativa de Augas de Galicia e a Universidade de Santiago xunto ás concesionarias do saneamento investigará a presenza do virus nas augas residuais e tamén nos lodos resultantes do proceso de depuración. A partir de aí establecerase un sistema de alerta sobre a pandemia para que se poida previr.
Estes estudos, segundo explicaron desde o Executivo autonómico, serán "unha ferramenta moi valiosa e útil" para facer seguimento da evolución do Covid-19 e para a detección temperá de posibles reaparicións do coronavirus.
O propio presidente da Xunta, Núñez Feijóo, salientou hai algúns días ao referirse ao proxecto "a anticipación, a previsión e a planificación" das empresas do sector para dotarse desde o primeiro momento de plans de continxencia que permitiron asegurar o seu funcionamento nestas circunstancias.