Ingresados no hospital outros cinco usuarios da residencia de San Cibrao

Todos os maiores de DomusVi en Viveiro deron negativo, incluso o que positivizara a semana pasada
Hospital da Mariña. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Hospital dá Mariña, JOSÉ Mª ÁLVEZ

O Hospital dá Mariña, situado en Burela, recibiu este luns outros cinco usuarios da residencia de San Cibrao, en Cervo, que foron hospitalizados porque a súa situación era máis delicada e co obxectivo de realizar un seguimento continuo durante as 24 horas do día sobre a súa evolución e aplicarlles o tratamento que precisen en cada momento. Así, o número de maiores ingresados do centro sancibrense ascende xa a nove, que evolucionan de forma favorable. 

Unha reunión técnica entre a dirección da residencia e do propio centro hospitalario, tras consultar aos familiares, acordou que o mellor era trasladar os usuarios que se atopaban máis fráxiles. A situación na residencia está estable, co mesmo número de usuarios e traballadores contaxiados —25 e 8, respectivamente—. 

Doutra banda, o concello de Viveiro experimentou un leve incremento na cifra de casos, que xa suma 39, pero todos os usuarios da residencia DomusVi deron negativo nas probas PCR realizadas, incluso o que positivizara a semana pasada. Por contra, outra traballadora do centro contraeu o covid- 19, polo que xa se determinou a pertinente corentena. 

No ámbito educativo rexistrouse outro positivo no IES Perdouro de Burela. Trátase dun alumno do ciclo superior de Administración e Finanzas que realiza prácticas de formación en centros de traballo nunha empresa, polo que non estaba a asistir a clases no centro.

Contactaron cos docentes e compañeiros que mantiveron unha relación máis estreita con esa persoa para que manteñan o confinamento. Agradecen a comunicación feita polo afectado e deséxanlle unha pronta recuperación. 

GUNTÍN. En relación ao brote de Guntín, inicialmente de catro persoas e que despois sumou máis casos, descártase que a orixe desa subida fose a visita a unha anciá por parte dun familiar que reside fóra de Galicia, xa que este parente deu negativo na PCR que se lle efectuou.

Comentarios