Indignación polas gravacións na Maruxaina colgadas en webs porno

Os vídeos xa foron borrados, pero as denuncias sucédense estes días e a asociación Bumei de Burela acudirase como acusación particular para que a investigación aclare o sucedido
Ambiente festivo en A Maruxaina, el año pasado. JM PALEO (AMA)
photo_camera Ambiente festivo na Maruxaina do ano pasado. JM PALEO (AMA)

Indignación é a palabra que mellor define a reacción deste luns na Mariña pola aparición de gravacións feitas con cámara oculta durante a festa da Maruxaina en San Cibrao e que estaban publicadas en páxinas web de contido pornográfico. Trátase de escenas nas que mulleres acoden a unha rúa discreta da localidade para facer as súas necesidades na vía pública durante os festexos do ano pasado e que foron tomadas con cámaras fixas desde distintos ángulos. Nas tomas identifícanse perfectamente os rostros das mulleres e son vídeos de bastante duración.

Desde que saltou a primeira noticia da existencia destes vídeos, que xa foron borrados, sucedéronse as denuncias de mulleres que asistiron á festa e que poden estar entre as afectadas. A pesar de que o caso o está investigando a Garda Civil porque Cervo pertence á demarcación deste corpo de seguridade do Estado, a comisaría da Policía Nacional de Viveiro está a recibir as denuncias de mozas que foron alertadas de que saían nas imaxes.

Neste sentido, desde a asociación Mulleres en Igualdade de Burela (Bumei) acordaron onte a última hora nunha reunión na que estiveron asesoradas pola súa avogada acudirse como acusación popular neste caso para o que acudirán ao longo da mañá deste martes ao cuartel da Garda Civil para presentar a correspondente denuncia. "Este tipo de comportamentos non se poden permitir", subliñou a presidenta do colectivo, Mar Fraga, que mostrou a súa indignación por unha "violación da intimidade de moitas mozas, menores entre elas, ás que se lles ocasionou un dano irreparable". "Queremos que a investigación destes feitos chegue ata os responsables e que estes paguen por iso", subliñou Fraga, que fixo unha condena "enérxica" duns feitos que "non deberían terse producido".

Ademais apelou á educación en valores e ao papel do ensino para erradicar este tipo de comportamentos na sociedade.

A este respecto tamén se pronunciou onte o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, que fixo unha forte condena do sucedido. "Este tipo de feitos hai que rexeitalos dunha maneira absoluta e agora é tempo de atopar os responsables dos mesmos para que non queden impunes e respondan polo acontecido", subliñou.