Ilesos os tres tripulantes dunha embarcación que envorcou na Rapadoira

A barca, duns catro metros de eslora, envorcou por un golpe de mar. O feito de que fose un día festivo, con xente paseando polo espigón, foi crucial para activar a operación de rescate
A Rapadoira, en Foz. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera A embarcación envorcou na contorna da Rapadoira. JOSÉ Mª ÁLVEZ

Tres persoas veciñas de Barreiros, dous home e unha muller, foron rescatados esta mañá en Foz tras envorcar a embarcación de recreo na que viaxaban e na que saíran a dar un paseo desde a veciña localidade. Foi a uns cen metros do faro focense, na zona da barra, cando a barca duns catro metros de eslora envorcou por un golpe de mar.

O lugar do accidente, fronte á praia da Rapadoira, e a hora, ao redor das doce e media do mediodía, e o feito de que fose un día festivo, con xente paseando polo espigón, foi crucial para decatarse do accidente e, de inmediato, a Policía Local de Foz recibiu a chamada dun particular e alertaron a Urxencias e a Salvamento Marítimo, que  incluso barallou a opción de enviar ao helicóptero Pesca 2, pero finalmente foi necesario.

Os axentes da Policía Local contactaron de inmediato coa empresa de actividades Maremasma, cuxo responsable, Carlos Gil, que estaba nas oficinas do porto, saíu de inmediato coa barca que teñen preparada para as diversas actividades mariñas que realizan.

“Foi cuestión de minutos”, aseverou o rescatador, que atopou ás tres persoas sobre a quilla da embarcación, que se atopaba xa envorcada, cos chalecos salvavidas postos. O rescate foi rápido, ao que axudou que a barca conta con escaleiras para as inmersións e que os tres accidentados estaban máis ou menos tranquilos, aínda que xa con algún síntoma de hipotermia, porque a temperatura da auga non excedía os quince graos.

Cun par de manobras e a axuda de Carlos, os tres lograron subir a bordo e foron levados no propio barco ata Barreiros, sen necesidade de precisar asistencia médica.

A chegada da embarcación de Maremasma á zona do accidente coincidiu practicamente coa da pesqueiro Laverca, que se encargou de remolcar a barca accidentada ata o porto.
 

Comentarios