Martín Lestao: "O humor das señoras que traballan na flor é brutal"

Nacín en Burela en 1988. Estudei un ciclo de Formación Profesional de técnico en proxectos de edificación en Viveiro e despois Belas Artes en Pontevedra. Agora dedícome á restauración de mobles, onde estou desenvolvendo un proxecto propio, e son presidente de Burela Floral
Martín Lestao, no parque de Burela. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Martín Lestao, no parque de Burela. JOSÉ Mª ÁLVEZ

Ser alfombrista é unha paixón ou unha tradición?
 As dúas cousas. Levo dende pequeno metido na confección das alfombras. Crieime entre o bar dos meus pais e a floristería de miña tía e todo aquilo que ten que ver coas flores e as plantas, encántame.

Que sente cando a alfombra vai tomando forma?
Cando se trata dun deseño meu que vai cobrando forma feito por outras persoas é unha satisfacción. E para min poder deseñar e seguir coa tradición do pobo, que é imprescindible na súa identidade, é un orgullo.

Como se enfronta ao papel en branco para facer o deseño?
Depende da temática. O primeiro é decidir o tema e a partir de aí vas buscando inspiración e, normalmente, canta máis presión teño máis ideas me saen. Tamén adoito dar unha volta por internet ou por catálogos de arte ou mesmo nun paseo polo pobo tamén atopo inspiración. Por exemplo, o deseño do 25 aniversario era a proa do barco museo dende o meu punto de vista.

Dende a creación de Burela Floral adoitan viaxar fóra e facer alfombras. Imaxino que tamén lles serve de inspiración.
Somos inspiración mutua. Estar na Federación Galega de Alfombristas permítenos viaxar a outros sitios e facer encontros e sempre se aprenden cousas. No que máis te inspiras é nas técnicas que utilizan, que moitas veces aínda que non che saian igual consegues cousas que che gustan, e tamén nos materiais.

Volverán as alfombras ás rúas de Burela en 2022?
Espero que si. Aínda é cedo para sabelo, pero penso que é preciso que a xente se volva a xuntar, aínda que sexa con medidas de seguridade.

Como son esas reunións?
Son diferentes en función do momento. As primeiras son dos cinco equipos que traballan na alfombra para decidir a temática, adoitan ser varias que poden ser no local ou nalgún bar e sempre son moi amenas e nada formais. Despois xa son as dos equipos de cada tramo para ir preparando todo e a través do boca a boca vaise incorporando xente porque aínda que se pensa que son pechadas non é así e calquera pode participar. As xuntanzas son moi divertidas. O humor das señoras maiores é brutal.

É nesa preparación na que sempre teñen problemas de xente.
Si, coxeamos un pouco na preparación da flor. Gustaríanos involucrar a máis xente, aínda que é complicado porque cada un ten a súa vida.

Teñen medo de que se perda a tradición?
O medo existe. Burela Floral surxiu fai dous anos precisamente para manter a tradición, pero non é un traballo doado.

Hai algunha alfombra que lle gustaría facer?
Non teño ningunha concreta en mente, pero o que si me gustaría é involucrar a todos os colectivos do pobo, colexios e institutos a que participaran porque esta é unha tradición que está aberta a todo o mundo.

Comentarios