O hotel de Illa Pancha segue crecendo e xa dispón de reservas para o 2019

O hostaleiro apunta que mellora as instalacións cunha fosa sétima máis eficiente e aclara que o depósito actual baléirase periodicamente, pero instalará un sistema máis ecolóxico

Cartel en el hotel del faro ribadense de Illa Pancha. IRIA LV
photo_camera Cartel no hotel do faro ribadense de Illa Pancha. IRIA LV

A empresa Eirobra, que xestiona os apartamentos turísticos de Illa Pancha continúa crecendo. O hostaleiro, José Luis López, asegura que xa ten reservas para 2019. Ademais, mellora as súas instalacións e instalará un novo sistema de fosas sépticas.

O hostaleiro, que dispón dunha concesión por dez anos, solicitou de Augas de Galicia un permiso para "facer, dunha forma máis ecolóxica, a evacuación de augas residuais, mediante unha fosa con decantación, con filtros e prefiltros". O empresario, José Luis López Braña, especifica que ata agora o depósito existente baleirábase periodicamente por parte dunha empresa autorizada na xestión destes residuos.

O trámite administrativo sobre esta autorización publicouse onte no BOP, de forma que as persoas ou entidades que teñan algo que alegar poden presentar as súas reclamacións durante os próximos 20 días, no Concello de Ribadeo, así como tamén nas oficinas de Augas de Galicia da Consellería de Medio Ambiente, en Santiago, ou no servizo territorial situado no centro autonómico coruñés de Monelos.

Eirobra A Mariña, aclara que as augas residuais domésticas xeradas nas instalacións son tratadas nunha fosa séptica de decantación-dixestión con prefiltro deseñada para oito habitantes, con 2.000 litros de capacidade. As depuradas vértense por infiltración no terreo mediante unha gabia de 20 metros de longo. A entidade solicita permiso para unha vertedura por infiltración dun caudal máximo de 58,4 metros cúbicos anuais, procedentes dos dous apartamentos turísticos, para catro hóspedes cada un, asentados no faro.

Como sinala o hostaleiro, as obrigacións co Concello xa foron cumpridas ou emendadas, tras a inspección efectuada polos técnicos municipais en decembro de 2017, polas que, entre outros requisitos, tivo que colocar reixas na ponte de acceso para maior seguridade.

O aloxamento está a pleno rendemento, "moi por encima do esperado", recoñece Braña, que xa ten reservas firmes para 2019.

Comentarios