O Hospital da Mariña opera en 9 días os pacientes máis graves

O Sergas sitúa a espera media para unha consulta externa en 39 días e destaca que en 2019 consolidaron os datos doutros anos
Entrada del Hospital Público da Mariña. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Entrada do Hospital Público da Mariña. JOSÉ Mª ÁLVEZ

O Servizo Galego de Saúde fixo públicos os datos de funcionamento e espera para ser atendido nos diferentes servizos do Hospital Público da Mariña e entre eles subliñan que conseguiron reducir a unha media de 9 días a espera para as operacións máis graves, as denominadas de prioridade 1, que son as que precisan intervencións o máis urxentemente posible.

Fontes do Sergas apuntan que este tempo é dificilmente reducible no sentido de que este período "é imprescindible para o establecemento dun diagnóstico, a realización das probas necesarias e a programación da intervención cirúrxica". A iso engaden que son dous días menos que no ano 2018.

Para lograr a atención no menor tempo posible aos pacientes máis graves, no Sergas engaden que no hospital mariñán sinalárono como un dos seus "obxectivos primordiais e para iso hai implantadas seis vías rápidas para a detección precoz de cancros como os de mama, colorrectal, pulmón, próstata, melanoma e otorrinolaringolóxico" que levan aos pacientes a un circuíto asistencial "que lles garante unha espera mínima".

No que se refire a intervencións cirúrxicas en xeral, a 31 de decembro de 2019 o hospital comarcal mariñán rexistrou unha espera media de 43,8 días "que é unha media semellante á do peche do exercicio de 2018, que foi de 44 días", aínda que desde o Sergas subliñan que é importante destacar que "é moi inferior aos 65 días que os mariñáns agardaban no ano 2012".

A iso engaden que segundo os datos que manexan "o 95% dos pacientes foron operados nun prazo de tempo que oscila entre os 0 e os 3 meses destacando tamén que se reducíu o número de pacientes en lista de espera para unha ciruxía".

No que se refire á demora para consultas de especialidades, aínda que a media é 39 días para a primeira matizan que hai especialidades como oncoloxía onde a espera é de só catro días, 5,7 para hematoloxía, 9 para pediatría ou 7,8 para nefroloxía.

PROBAS. En canto á realización de probas diagnósticas, os datos do Sergas indican que a espera media para realizalas é 47 días. Tamén matizan que "algúns estudos radiolóxicos teñen unha demora moi inferior como as resonancias magnéticas que tardan 8,9 días, 10 días en probas de radioloxía convencional, 21 para ecografías vasculares ou 24 para facer un TAC".

VALORACIÓN. O propio Sergas valorou de forma positiva estes resultados correspondentes ao peche do ano pasado porque entenden que demostran que este centro "mantén os bos indicadores de demora media para recibir atención especializada neste centro ao tempo que incrementou a súa actividade asistencial en practicamente todos os servizos e diminuíndo o número de pacientes en lista de espera".

Consideran ademais que os datos son aínda máis importantes se se ten en conta que os profesionais do hospital "foron quen de conxugar a súa actividade asistencial coa execución das obras de ampliación nas que estivo inmerso o centro".

Comentarios