Herminia Pernas: "A pesca foi o factor máis importante para o despegue da vila xa desde os 50"

A docente do IES Monte Castelo e doutora en Historia ofreceu este xoves a charla inaugural do congreso infantil 'Conservemos o noso mar', que serve de prólogo ao nacional de artes de pesca. A casa da cultura de Burela acolle exposicións dos traballos feitos polos alumnos dos centros educativos locais, ademais de relatorios sobre o mundo do mar
Herminia Pernas. AMA
photo_camera Herminia Pernas. AMA

A fundación Expomar involucra a xente nova coa realización do congreso infantil Conservemos o noso mar, que abriu cunha charla da doutora en Historia Contemporánea Herminia Pernas, burelá que como profesora do IES Monte Castelo tamén asesorou o alumnado do seu centro nos traballos coordinados polo departamento de Xeografía e Historia de Galicia, igual que fixeron os docentes do BAC de Artes. Pernas falará hoxe da contribución histórica do porto de Burela á pesca sostible. 

Cales son os seus primeiros recordos do mundo do mar? 
Supoño que pensarían en min porque meu pai foi mariñeiro e eu son secretaria de Asociación de Mariñeiros Xubilados e Afíns. 

Pensa que as novas xeracións coñecen a aportación do sector pesqueiro á localidade? 
Si e non, os que son netos ou fillos de xente do mar si o saben, controlan e usan a xerga mariñeira. Deixáronme sorprendida pois tivemos unha charla de mariñeiros xubilados dentro da materia de Xeografía e Historia de Galicia; outros non saben nada, pero disfrutaron moito escoitando aos xubilados e implicáronse a fondo. 

Vostede fala da contribución histórica de Burela á pesca sostible. Axiña se vén á cabeza a pesqueiría do bonito, pero hai máis?
Din unha explicación do que recordo e do que sei por arquivos, dende a caza da balea, na que se empregaban unhas artes sostibles e outras non e que desapareceu por unha caza masiva, ata as redes coas que se collía a sardiña, as barredeiras que non eran selectivas e a costeira do bonito que sempre foi sostible e respectuosa co mar. É unha exposición que empata co traballo desenvolto polos nenos, dentro da sustentabilidade, pois as redes facíanse de liño branco, tíñanse que encascar, o que é teñir para que oscureceran. Por iso os alumnos pintaron a chabola por dentro e por fóra para reivindicar que se volva facer e tamén unha bañeira. A casca dos pinos, machacada con auga fervendo usábase para teñir e era un sistema totalmente respectuoso co medio. 

Como viviu vostede os cambios que experimentou o porto de Burela nos últimos anos? 
Houbo cambios, sobre todo nos barcos, polas innovacións incorporadas. Pasouse de non ter catres nin baño a contar con certas comodidades que fan do traballo no mar algo máis levadeiro. Diso tratou a charla que lles deron os mariñeiros xubilados, quenes lles contaron que daquela facíase todo como se podía. Vivín os tempos dos barcos de madeira, de ferro, de aceiro e de fibra. 

Os rapaces tratan nos seus traballos o uso das ecorredes, que no caso de perderse, disólvense soas e non contaminan

A aportación económica da pesca á localidade é incuestionable pero débelle a dita actividade o seu desenvolvemento actual? 
Hai unha frase que circula pola vila nese senso, pois medrou moito dende os anos 50 pola pesca, logo viñeron outras industrias e medraron os servizos, pero a pesca foi o factor máis importante para o seu despegue. 

Falaba antes das redes sustentable, pero que máis se pode facer dende terra para manter o medio mariño en condicións? 
Un dos puntos que tratan os rapaces nos seus traballos é o uso das ecorredes, que no caso de perderse disólvense soas e non contaminan. Na actualidade xa hai varias empresas que fan roupa con cordas, cabos, plásticos reciclados e outros lixos. Se nos concienciamos podemos mercar os seus produtos. Empezaron a fabricalos en datas recentes. 

Cal será a aportación dos estudantes ao congreso? 
Os estudantes de segundo do Bacharelato de Artes fixeron as pinturas e debuxos e os que non son de Artes explicarán o traballo dos compañeiros. Cada colexio fixo unha tarefa e expóñense fotos relacionadas co mar e pinturas de materiais que chegan ás praias. 

O traballo dos mariñeiros non é doado, cre que está recoñecido? 
Son autoridade cando se xubilan e no litoral son respectados, penso que si están recoñecidos. Os nenos disfrutaron moito con eles, viviron as charlas. Os compañeiros da miña quinta do porto de Celeiro, fillos de armadores, dedícanse ao mar, pero en Burela non foi así, a xeración do relevo serían agora os netos. A finais dos anos 60-70 do século pasado custoulles, os de antes herdaron o negocio familiar. É unha profesión dura a pesar das melloras que houbo, pero ten que gustar moito. Din que hai que nacer mariñeiro, que non se fai un, pero penso que algúns naceron nadando.

Comentarios