Fran Cajoto: "Hai que demostrar a repercusión económica do investimento que se faga na Mariña"

Coa planificación e desenvolvemento turístico como punta de lanza, a Mancomunidade mariñá aposta pola unión real de todos os concellos que a conforman
Fran Cajoto, ás portas do consistorio focense. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Fran Cajoto, ás portas do consistorio focense. JOSÉ Mª ÁLVEZ

A Fran Cajoto tocóulle coller as rendas da Mancomunidade de Concellos da Mariña nun momento complicado, aínda que daquela el non o sabía. Foi só un mes antes de que a pandemia da covid- 19 puxera todos patas para arriba. Aínda así amósase satisfeito co traballo levado a cabo polo ente comarcal neste tempo, no que se viu obrigado a mudar os plans feitos a marchas forzadas.

Non foi o ano máis sinxelo para estrearse no cargo.
Non o foi. Foi un ano complicado para o que xa tíñamos unhas accións planificadas, como a desestacionalización do xeodestino, e houbo que reformar todo para adaptalo á situación de pandemia. Aínda así estou satisfeito co traballo da Mancomunidade e teño que darlle as grazas aos técnicos porque aínda que a cabeza visible sexa o presidente as accións son froito do seu traballo.

Precisamente no turismo é no eido no que máis accións desenvolven, como o afrontaron neste tempo?
Partimos dunha situación de peche total e despois tivemos que afrontar o peche da Mariña en xullo, polo que optamos por reactivar o turismo de proximidade, de tranquilidade e de calidade e lanzamos a campaña ‘Volve encontrar o norte’, que tivo moita repercusión e eliminou a mala imaxe que naquel momento de peche comarcal podía ter esta zona. Seguimos coas Rutas de Artesanía e engadimos A Mariña en Ruta, con itinerarios por distintas paraxes da zona, e Cociñando a Mariña, un escaparate para os nosos cociñeiros e os produtos locais.

Queremos impulsar a recollida de lixo colectiva, empezando polos residuos orgánicos do novo contedor marrón

Como se plantexan este verán?
Seguiremos apostando polo que funciona e por traballar a oferta da comarca baixo unha marca unificada. Estamos presentes no turismo slow da zona norte de Galicia con Ortegal e seguiremos traballando nas audioguías ficcionadas coa saída, en pouco tempo, das de Lourenzá e Alfoz. Ademais a nosa aposta é polo plan de sostibilidade turística. O ano pasado presentámonos aos plans da Secretaría de Estado de Turismo que contaban tamén con financiación da Xunta e das entidades locais e que contaban con tres millóns para investir, pero elixiron os proxectos de Santiago e da Ribeira Sacra. Nós temos un plan de calidade para desenvolver e así nolo fixeron saber os técnicos que o viron, polo que nos presentaremos á nova convocatoria e esperamos que nesta ocasión haxa impulso político para que ese investimento veña tamén para A Mariña, porque poderíase facer unha campaña importante de promoción.

Máis alá do eido turístico, que plans conxuntos queren desenvolver dende o ente comarcal?
Neste momento queremos estudar facer en conxunto a recollida do lixo. A nosa intención é contar cun estudo técnico real sobre a posibilidade de mancomunar este servizo, o que suporía unha vantaxe económica moi significativa. A meirande parte dos concellos xa teñen a recollida contratada, polo que as trabas administrativas dificultan este asunto bastante, pero poderíamos empezar pola recollida do lixo orgánico, o do contedor marrón, que se poñerá en marcha. De feito xa temos un contrato conxunto na recollida de roupa usada que non se pode reutilizar e que conta con contedores nos concellos.

En vindeiras datas verán a luz as audioguías turísticas de Lourenzá e Alfoz

Teñen algunha outra vía de traballo conxunto aberta?
A principal é a recollida de residuos, pero hai outros campos que se poden estudar. Estamos á espera de que ver como se materializan os fondos europeos para ver a que se pode optar dende A Mariña. Unha das liñas de actuación viría da man do impulso ao vehículo eléctrico creando unha importante rede de puntos de recarga cómodos e accesibles para os veciños e tamén para os visitantes tendo en conta o potencial turístico desta zona.

Teñen en marcha xunto coa Federación de Comercio da Mariña un plan de reactivación económica.
Si. Seguimos traballando na súa financiación. Agora mesmo é complicado, pero xa mantivemos conversas coas distintas administracións porque consideramos que é importante contar cun estudo global con todas as potencialidades da comarca para saber, con datos na man, onde temos que traballar para evitar a perda de poboación que se dá en moitos concellos.

Nun momento no que captar investimentos é moi importante, cal é o papel da Mancomunidade?
O que queremos é servir de nexo de unión entre todos os concellos, que non se vexa unha loita entre municipios senón que todos vamos da man porque o que se invirte nun repercute no outro, como se está vendo agora no caso de Alcoa. Temos que impulsar a comarca como un conxunto e sacar proveito de todas as súas potencialidades, por exemplo no sector forestal ou no eólico. Para petar nas portas axeitadas temos que contar cun estudo que reflexe todo isto e que faga ver ás administracións que unha inversión na Mariña terá unha repercusión económica máis importante do capital invertido. 

Comentarios