O goberno requebra en Ferreira

Por segundo mandato consecutivo afloran as disensións entre edís de peso no PSOE, como neste caso Fina Geada
Fina Geada. JOSÉ Mª ÁLVEZ (AEP)
photo_camera Fina Geada. JOSÉ Mª ÁLVEZ (AEP)

A CORNO queimado cheiraba o goberno municipal de Ferreira do Valadouro. Houbo tregua entre PSOE e BNG para a toma de posesión municipal pero, finalmente, a entrada dos nacionalistas na coalición está a resultar moi chusca para os seus socios. O voto contrario de Fina Geada á repartición de dedicacións e concellarías do alcalde e edís do Bloque aflora definitivamente o distanciamento e diferenzas dunha esquerda á que lle custa moito sumar e pouco dividir. é unha praza complicada, como a da Fonsagrada, onde se xuntan dinámicas políticas e persoais moi fortes.

Pero esta situación non é nova en Ferreira porque xa durante o anterior mandato o alcalde socialista, Edmundo Maseda, tivo unha baixa importante no equipo de goberno, Pedro Paz, que acabou a última hora índose aos independentes, movemento que a este non lle saíu ben ao non conseguir praza no pleno municipal como segundo doutra lista. Nese transo, tampouco repetiu na candidatura socialista Luís Maseda.

Agora a "díscola", como a chama a cabeza de lista do BNG, Eduardo Chao, é Fina Geada, que unha vez ratificado o acordo de goberno bipartito, segundo ela precipitadamente e coa urxencia de sacar adiante uns novos orzamentos, plantouse, ao estar en desacordo con cesións como a súa propia área de responsabilidade, a de cultura, que pasa a mans dos nacionalistas. "O señor alcalde preferiu asinar un pacto de goberno co BNG e apartarme a min", dixo Geada sobre a reorganización municipal.

A dimisión da filla de Geada, María Mon (relevouna Pilar Vázquez), levantaba mar de fondo para o rexedor —onte esta redacción intentou contactar infructuosamente con Edmundo Maseda para coñecer o seu parecer— de face ao pleno. O momento é complicado para este tipo de movementos de despachos municipais, pois o PSOE non só retoma o curso político, está en período precongresual e os equilibrios son moi delicados. Desde o federal valenciano, ao galego co seu ruxe ruxe de primarias e avais.

Ademais, non sempre as alcaldías comulgan coas secretarías. Así, á volta da sinatura dun convenio na Deputación, Maseda topouse coa lea do pleno, que agora ten compungida a toda a parroquia socialista valadourense.

Non foi sorpresa e deberá aclararse nunha próxima executiva e asemblea pero xa nas virtudes da lista local socialista estaban as súas penitencias. Fina Geada, á que moitos compañeiros de partido teñen por unha traballadora nata e con gran capacidade de abordar os retos locais, do que ela tamén presume, estivo máis de 40 anos no Concello como funcionaria.

Non só coñece a fondo e tratou a todo o mundo, resolvendo problemas, senón que xubilouse hai ano e medio e tiña ganas de seguir mandando. Unha dura rival tanto para amigos como inimigos que queiran cambiar a orde das cousas no Concello nos próximos comicios. E á que agora deixaran sen funcións de "xestión".

Edmundo Maseda pensaba en asentar unhas bases de coalición máis sólidas, tras dous anos de tregua. Pero o único que se manifestou onte oficialmente e "ratificando o seu compromiso coa veciñanza do Valadouro", foi o portavoz do BNG, a pesar de ver esfumarse a súa dedicación parcial e a do seu compañeiro Eliseo Teijeiro, novo concelleiro de obras e deportes.

O nacionalista Eduardo Chao entra como primeiro tenente de alcalde e di sentirse ilusionado para gobernar incluso sen soldo

Ao final, Chao ata coincide coa "díscola" en que é posible gobernar, aínda sen soldos (20.000 ao ano para o rexedor e 8.000 para cada un deles, segundo pactasen). O xa primeiro tenente de alcalde e concelleiro de cultura en lugar de Geada, di que "entramos a formar parte do goberno municipal con moitas ganas de traballar polo Valadouro igual que fixemos non mandato anterior, e ratificando ou noso compromiso con todas e todos os veciños do concello".

Sobre o revés ao acordo inicial co PSOE, sinalou: "A nosoutros non nos move o interese por unha dedicación parcial, preocúpanos o Valadouro e os problemas e as necesidades da súa veciñanza, e ese traballo imos facelo independentemente de percibir algún tipo de salario parcial ou non".

Si lamenta o aliñamento da socialista co PP e a concelleira independente de Udival tras asinar en xullo o acordo de goberno bipartito. Recorda Chao que en 2011 o BNG votou a favor do salario do alcalde do PP e deixa a súa amarga reflexión: "Nada se pode esperar desta xente, que supedita a súa actuación na política municipal a escuros intereses e, sobre todo nun partido coma o PP que navegou e navega sempre moi ben polas cloacas do transfuguismo".

á parte de larvadas diferenzas políticas e persoais, quizais o que estea a aflorar en Ferreira son as próximas eleccións locais, onde todos tratan de colocarse e tocar algo de poder. Os comicios sempre destapan polas parroquias purgas e díscolos pero o tempo dirá se no Valadouro tensaron demasiado a corda.

Comentarios