O inmoble da Seguridade Social en Viveiro farase en dez meses con 993.000 euros

O Goberno licita a obra do edificio, que terá espazos diáfanos para favorecer a interrelación entre funcionarios e usuarios
Presentación del edificio de la Seguridad Social en Viveiro en la parcela donde se construirá. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Presentación do edificio da Seguridade Social en Viveiro na parcela onde se construirá. JOSÉ Mª ÁLVEZ

Tras un longo proceso iniciado en 2003, o edificio do Centro de Atención e Información da Seguridade Social (Caiss) de Viveiro será ao fin unha realidade. A Tesourería Xeral da Seguridade Social sacou a licitación este luns a construción do novo inmoble cun orzamento de 993.441 euros e un prazo de execución de dez meses.

No solar que o albergará na avenida Ramón Canosa de Viveiro presentaron este mércores o proxecto a subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez; o director provincial da TGSS, Juan José Rodríguez Gude; a directora do Caiss agora en Celeiro, Concepción Fernández Pérez; a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e o tenente de alcalde Jesús Fernández. A subdelegada explicou que as empresas poden presentar as súas ofertas ata o 14 de outubro e que "a fin de ano podería estar adxudicado". Se se cumpre esta previsión estaría terminado a finais de 2020.

Rodríguez manifestou a súa "satisfacción" pola construción deste edificio en Viveiro, unha cidade que "vai ter unha oficina adecuada para atender coa maior dignidade e privacidade aos cidadáns e na que poderá traballar en mellores condicións o persoal do Caiss, que agora ten unhas instalacións pequenas e non moi cómodas". Recordou que este servizo se presta no Instituto Social da Mariña en Celeiro e que a liberación dese espazo poderá ser utilizado polo propio ISM ou polos servizos sociais da Xunta.

A alcaldesa agradeceu as xestións da subdelegada e do responsable da Seguridade Social para sacar adiante o proxecto. "Despois de tantas promesas incumpridas e tantos anos esperando o Caiss é unha realidade e será un edificio máis accesible para todos os veciños de Viveiro e do resto de concellos que veñen facer as súas tramitacións", dixo.

¿CÓMO SERÁ? Rodríguez Gude detallou que o edificio será rectangular de planta baixa, acristalado e diáfano, cunha superficie de 404 metros cadrados dos que 368 serán útiles e 294 destinaranse á área administrativa, que incluirá zonas de atención aos cidadáns, de espera ou de autoxestión informática, espazos "onde haxa unha interrelación constante entre funcionarios e usuarios", ademais de vestíbulo ou sala de reunións. Os 74 metros restantes serán para aseos, arquivo, almacén e área técnica.

Estará nunha parcela de 1.490 metros e na parte posterior haberá aparcadoiro para once vehículos, unha praza para discapacitados e área para motos e bicis.

A oficina atendeu a 11.829 persoas o ano pasado
A subdelegada apuntou que o Caiss recibe unhas mil consultas mensuais e que o ano pasado foron un total de 11.829 as persoas atendidas, principalmente de toda a comarca mariñá ou do oriente coruñés, aínda que poden acudir de calquera punto xeográfico.

Trámites
Segundo explicou Juan José Rodríguez os principais trámites que se realizan son "solicitudes de vida laboral que se van poder facer na zona de autoxestión, peticións de prestacións, de pensións ou de certificados que necesitan para acceder a axudas".

Comentarios