Unha xestión que queima

O Concello de Foz asumirá a residencia porque a cesión ao Consorcio suporía que os usuarios terían que abandonar o centro
Residencia y centro de día de Foz. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Residencia e centro de día de Foz. JOSÉ Mª ÁLVEZ

A xestión da residencia de maiores de Foz foi un quebradeiro de cabeza desde o principio. A situación de partida era delicada, posto que había que dar solución aos usuarios do antigo asilo, que se atopaba en mal estado, polo que o Concello decidiu naquel momento facerse cargo da xestión do centro para poder aplicar a normativa municipal e que os veciños de Foz tivesen prioridade no acceso ao centro. Para iso o Concello e o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar asinaron un convenio para o uso do inmoble.

O problema aparece co convenio a piques de expirar e cun novo goberno á fronte do Concello. O actual alcalde, Fran Cajoto, recorda que en 2020 ampliouse a prórroga da concesión ata xaneiro de 2023 e en pleno aprobouse que nesa data fose o Consorcio o que se fixese cargo da residencia, comunicando a resolución á Xunta. "Vimos pasar os meses e como non tiñamos noticia, a principios de 2022 reiteramos a comunicación", indica Cajoto, que explica que nunha reunión celebrada en Santiago díxoselle que "para que o Consorcio collese a residencia tería que ser sen os traballadores nin os usuarios, algo ao que nos negamos".

¿Que di a Xunta?

Neste sentido, desde Política Social explican que na reunión celebrada en xuño recordóuselle ao rexedor, "como xa se lle notificara por escrito noutras ocasións", que non era posible que o Consorcio asumise a xestión do centro "tal e como o propoñía". "Explicóuseelle que a opción que tiña o Concello era acordar a continuidade da cesión do inmoble polo tempo que se considera necesario, co fin de posibilitar que o Concello puidese licitar de novo a xestión se así o consideraba", sinalan, "isto fíxose co tempo suficiente antes de que rematase o contrato en xaneiro de 2023". "Tamén se lle dixo que se non quería continuar coa cesión, a alternativa por lei sería cesar o servizo coas negativas consecuencias que isto suporía para os usuarios", engaden, "o motivo polo que o Consorcio non pode asumir a xestión do centro é porque se tería que aplicar a normativa autonómica tanto de acceso ao mesmo como de prezos". "Isto impediría que os usuarios puidesen manterse non centro", indican.

Así as cousas e analizada xuridicamente a situación, o Concello optou por solicitar a titularidade do inmoble "e asumir unha competencia impropia por unha neglixencia do anterior mandato coa firma cun convenio mal atado e cun Consorcio que decide eludir a súa responsabilidade", afirma o alcalde, que recordou que a primeira opción do goberno local sempre foi que a xestión fose do Consorcio, "porque os usuarios unicamente pagarían o 80% da súa pensión, facéndoa accesible para todos e non só para uns poucos".

Neste asunto, Cajoto foi bastante crítico co portavoz do PP, Javier Castiñeira, alcalde cando se asinou o convenio de cesión, e reprochoulle a falta de axuda neste asunto, "un problema xerado no anterior mandato". "Ponse de lado neste asunto e sempre na posición na que máis dano pode facer", dixo Cajoto, "negouse en varias ocasións a contactar coa Xunta de Galicia para facilitar unha reunión, na que se lle ofrecía participar".

Servizo

A outra parte neste caso é a empresa. O Concello tamén aprobou no pleno que siga prestando o servizo despois do día 16, "ao ser un servizo considerado esencial e por razón de interese público". A este respecto, o portavoz popular adiantou que a empresa abandonaría a residencia o día 16 se o Concello non lle paga o reequilibrio económico que pide.

Neste punto o alcalde asegura que a empresa presentou unha cantidade que quere recibir e tres formas para facer efectivo o pago, "pero nós temos que analizar os números". "É lícito que a empresa busque o beneficio económico e o Concello non se opón a isto, pero ten que estudar o que hai que pagar e, unha vez que estea claro, pagarase en tempo e forma". Así, Cajoto explica que a concesionaria reclamaba 142.000 euros polo peche obrigado do centro de día durante a pandemia e finalmente abonáronselle 36.064 tras os informes realizados polos técnicos municipais e unha empresa externa.

Mentres todos estes asuntos se dilucidan, as cifras deixan clara a necesidade do centro, cunha lista de espera de 150 persoas, das cales 70 están empadroadas en Foz. "Só as persoas empadroadas tardarían 14 anos en ter praza", resalta Cajoto.

Comentarios